CulturaCulturaÚltima hora

A ICCWeek arranca cun relatorio con Elsa Punset, Javier Rioyo e Manuel Baltar

A terceira edición da “Ourense ICC Week”, a Semana das Industrias Culturais e Creativas, comezou hoxe, 2 de maio, no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”. Baixo o título “Cultura e creatividade como valor nos territorios”, as actividades desenvolveranse ata o vindeiro domingo, 7 de maio, en diferentes localidades da provincia. No acto inaugural participaron o presidente da Deputación, Manuel Baltar; a directora de Contidos no Laboratorio de Aprendizaxe Social e Emocional, Elsa Punset; e o xornalista, director de cine e guionista, Javier Rioyo.

Manuel Baltar destacou que durante estes días Ourense será “o punto de encontro da vangarda creativa para emprendedores, artistas e entidades, que converten ao noso territorio no marco perfecto para pensamento o intercambio de experiencias e as novas tendencias no ámbito da creatividade”. “Trátase dun acontecemento transversal na cultura e industria creativa que pon en valor sectores como o audiovisual, a música, a literatura, a tecnoloxía e outros sectores nos que a creatividade é o eixe vertebrador”, sinalou o presidente do goberno provincial.

Baltar lembrou que este evento xa consolidado na programación cultural ourensá define “á nosa provincia como un espazo para debater, pensar e innovar, mesturando as vangardas creativas coa tradición que supón levar as actividades a diversos lugares da provincia que destacan pola súa riqueza patrimonial, histórica e cultural”. “A Ourense ICC Week –afirmou Manuel Baltar- é un evento con actitude expansiva, que está en constante crecemento e que innova ano tras ano”.

Pola súa parte, Elsa Punset e Javier Rioyo ofreceron a súa visión sobre a cultura e a creatividade como valor nos territorios. O director do Instituto Cervantes de Lisboa e xornalista cultural, Javier Rioyo, destacou na súa intervención o seguinte: “os xornalistas culturais gañamos a vida contando o que nos gusta. Iso agora é unha rareza”. Referíndose á provincia, asegurou que Ourense “conserva un rico patrimonio: as súas Burgas, moseiros, os viños…”.

Finalmente, foi a quenda de Elsa Punset, que non saíu do eido da creatividade como eixo central do evento: “Se somos humanos, estamos dotados para a creatividade de forma extraordinaria”. E ilustrou aos presentes cos seus coñecementos sobre a materia, enumerando os diferentes estadíos da creatividade: “preparación, incubación, iluminación e verificación”.

Trala inauguración, o Teatro Principal acolleu o concerto musical de Depedro, quen presenta en Ourense seu último traballo “El Pasajero”.

Artigos relacionados

Back to top button