OurenseÚltima hora

II Foro da Comunicación de Galicia, o 20 de novembro en Expourense

O encontro abordará os novos perfís profesionais que demanda o mercado e entregaranse os II premios á Comunicación Innovadora
O presidente da Deputación e o xerente de Expourense, na presentación do foro.
O presidente da Deputación e o xerente de Expourense, na presentación do foro.

O vindeiro xoves 20 de novembro, Expourense acollerá o 2º Foro da Comunicación de Galicia, un encontro que nace co obxectivo de “promover o emprendemento no sector, sensibilizar ás empresas sobre a necesidade de contar con estratexias de comunicación que transmitan a mensaxe axeitada ao cliente final e o uso da comunicación innovadora como ferramenta diferenciadora da competencia”.

Tal como explican dende Expourense, esta segunda edición do foro conta co patrocinio da Deputación de Ourense, e dividirase en dúas sesións temáticas. Unha pola mañá, que estará máis orientada á comunicación empresarial e aos novos perfís laborais que demanda o mercado; e outra pola tarde, dirixida aos profesionais do sector que incluirá tres mesas de debate nas que se abordarán temas de actualidade que afectan ao traballo diario en redaccións, gabinetes, axencias, etc. “En total, esta xornada contará coa participación de máis de 20 relatores entre os que se inclúen profesores universitarios, xornalistas, empresarios, emprendedores e representantes da administración e da xustiza” engaden dende a organización.

Como novidade, esta edición incluirá obradoiros prácticos nos que os asistentes poderán aprender a “elaborar un Plan de Marketing” da man do presidente da Asociación de Marketing de Galicia-MARKEA, Xosé Luis Reza. Tamén se impartirá outro sobre “cómo activar a participación nos Social Media” que correrá a cargo de Diego Rivera, Strategy & Creativity Director de Best Relations.

No marco deste Foro da Comunicación entregaranse os II “Premios á Comunicación Innovadora de Galicia”, convocados co obxectivo de recoñecer publicamente iniciativas profesionais e empresariais que tiveran destacado por revalorizar o campo da comunicación, para varias categorías: Premio á Estratexia de Comunicación Empresarial desenvolta por unha PEME ou por entidades que agrupen a PEMES e empresas destas características; Premio á aplicación da Comunicación Dixital no sector xornalístico; Premio á Iniciativa Emprendedora no eido da comunicación; Distinción especial “Novos Talentos” no sector da comunicación.

Artigos relacionados

Back to top button