DeportesÚltima hora

A II San Silvestre de Ourense percorrerá as rúas do Casco Vello o 31 de decembro

A proba terá un percorrido de 2,5 quilómetros e sairá dende o Xardín do Posío
Presentación da San Silvestre. // Foto: Carlos Asensio.

Por segundo ano consecutivo, Ourense despide o ano correndo na San Silvestre, unha carreira popular “que o ano pasado xuntou a 1.000 corredores”, asegurou Mario González, do Consello Municipal de Deportes de Ourense, na presentación desta proba hoxe, 19 de decembro. Que asegurou que é un bo momento “para cumprir ese propósito de aninovo de facer deporte antes de que remate o 2017”.

Na presentación estiveron presentes o concelleiro de Deportes de Ourense, Mario Guede; o deputado provincial de Deportes, Bernardino González; o vicepresidente de Cruz Vermella Ourense, Paco González; José Álvarez e José Cruz, do club Ourense de atletismo; Roberto Abad, coordinador deportivo do Consello Municipal de Deportes; Lalo Gómez, da organización da carreira; o vicepresidente da Federación Galega de Atletismo, Manolo Blanco; e a directora de Márketing de Renault-Luis Aragonés, Mar Aragonés.

A novidade deste ano é que o percorrido trasládase até o Casco Vello da cidade. Unha ruta de 2,5 quilómetros no que o pelotón vai pasar “pola Praza Maior, As Burgas, Praza de Ferro, o Correxidor…”, dixo Mario González. A saída darase ás 16:00 no Xardín do Posío, lugar onde estará o centro neurálxico da San Silvestre. Os primeiros en saír serán o grupo dos “pitufos”, é dicir, os máis pequenos, que percorrerán 70 metros. Ás 16:10 horas será a quenda dos Sub 10 a Sub 12, que farán un percorrido de 1,5 quilómetros. Os Sub 14 e Sub 16 sairán ás 16:25 horas facendo a volta grande de 2,5 quilómetros  e, finalmente, a categoría absoluta sairá ás 16:45 facendo dúas voltas ao percorrido marcado.

Percorrido da San Silvestre deste ano.

Esta proba está enmarcada dentro do calendario oficial da Federación Galega de Atletismo e estará controlada polo Comité Galego de Xuíces e cronometradores da FGA-Delegación Ourense. Así o anunciou o presidente de devandita delegación e vicepresidente da FGA, Manolo Blanco.

O custe da participación é de 5 euros para as categorías de Sub18, Sub20, Sub23, Senior e Máster, e para o resto de categorías será gratuíta. O prazo de inscrición remata o vindeiro 27 de decembro e a recollida de dorsais será o 30 de decembro nun punto que se lle notificará aos participantes vía correo electrónico. Para realizar as inscricións hai que entrar na páxina www.carreirasgalegas.com. Polo momento, anunciou Mario González, hai máis de 200 inscritos.

Poderanse inscribir tanto atletas federados como corredores afeccionados.

Pero, ademais de seres unha proba deportiva, terá un carácter solidario xa que, de xeito voluntario, cada participante poderá doar un “Dorsal 0” que se destinará a Cruz Vermella Ourense.

 

Artigos relacionados

Back to top button