O voluntario de Protección Civil é unha persoa con compromiso firme, que actúa de forma altruísta, na procura de axudar aos seus veciños. Así o aseguraba o novo director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, no decurso das III Xornadas Provinciais de Protección Civil que tiveron lugar en Ourense o 15 de novembro. Ademais resaltou o exemplo que son para a cidadanía, asumindo o compromiso de cooperar e a vontade de axudar aos demais, así como a importancia que teñen no eido das emerxencia e a importancia que dende a Xunta se lle faciliten os instrumentos axeitados para o seu traballo.
Neste sentido, Menor apuntou que o goberno galego está traballando para que dende os concellos se teña acceso ao Rexistro Electrónico de Plans de Autoprotección e poñendo en marcha os Plans de Emerxencia Exterior a través de simulacros coma o que se fixo este verán na planta de Cepsa en Maside.
No encontro participaron membros de Protección Civil de diferentes puntos da provincia, entre eles estiveron os de agrupacións de Manzaneda (con 9 voluntarios), da Rua, Verín ou o Ges Castro Caldelas.
Asemade no marco destas xornadas tiña lugar un acto de recoñecemento a Manuel Barrio Morgade, ex-xefe da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Verín. A Asociación Nacional de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (ANAV) concedíalle unha medalla de ouro á constancia pola súa labor voluntaria durante máis de 25 anos. Esta medalla foille entregada, no decurso das III Xornadas Provinciais de Protección Civil de Ourense.
Ademais estas xornadas permitiron o reencontro entre profesionais que levan máis de vinte anos no mundo das emerxencias e nelas tamén se lle rendeu unha homenaxe ás vítimas das estradas, celebrando anticipadamente o Día Mundial das Vítimas de accidentes de tráfico e sumándose así á campaña promovida pola asociación Stop Accidentes.