
Lonxe de elitismos e regras estritas, “Imos ter máis que palabras” é unha noite de arte poética sen complexos e para todos os públicos. Un xeito de abordar a poesía dende todos os puntos posibles. E nesta edición de 2021 que se celebrará o 23 de setembro no Teatro Principal de Ourense continúa apostando polo talento da cidade, mesturando a poesía máis lírica coa poesía de verso libre.
Organizado por Movemento Di-Verso baixo a dirección de José Lameiras o festival de arte e poesía comezará ás 21 horas (a entrada custará 10 euros) e contará con once convidados. Manuel Seixas, Pompa e Boato, Morna e Lúa Mosquetera estrearanse en Ourense; mentres que Conchi da Silva presentará o seu primeiro poemario; e Las Cruces + Missed Call farán unha colaboración especial para o festival.
Tamén participarán Marcos de la Fuente, Tamila Alem, Carlos da Aira, Antía Balvís e Celia Parra que presentará videopoemas.



