ConcellosQuirogaÚltima hora

Inaugúrase en Quiroga a rúa “La Castellana” en recoñecemento á primeira muller empresaria da vila

Asistentes á inaguración da rúa.

 

A rúa que vai por detrás do Auditorio Municipal de Quiroga, ata a rúa praia xa ten nome, “La Castellana”. Tal como se decidía na pasada sesión plenaria do 24 de febreiro, o nome fai referencia á empresa de gaseosas que Gabriela González Álvarez (1921-2012) puxo en marcha en 1959, converténdose na primeira muller empresaria de Quiroga, polo que chegou a recibir un recoñecemento en Madrid.

Na mañá do venres 10 de marzo inaugurábase esta nova rúa nun sinxelo acto ao que acudía a súa familia e que respondía ao interese dun grupo de veciños por recoñecer dun xeito especial a esta muller emprendedora adiantada ao seu tempo. Unha das súas netas foi a encargada de descubrir a placa tras a presentación do acto enmarcado dentro do Día da Muller organizado polo concello. “Que mellor detalle para a celebración desta data que ter este detalle con Dona Gabriela”, recalcaba o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez.

 

 

Esta muller formou tamén parte moi activa da vida social de Quiroga, participando na constitución da Cruz Vermella Local, gran seguidora e membro durante moitos anos da directiva do equipo de fútbol Quiroga FC, socia nº 1 do Centro Social de Quiroga, integrante da Coral Polifónica e colaboradora da Igrexa Parroquial San Martiño levando a relación desta institución co concello. O concelleiro de xuventude, Luis Manuel Arias, destacou, que foi “unha muller visionaria, que loitou polo feminismo”. O concelleiro do BNG, José Manuel Fernández Montes, que tamén asistía ao acto, recalcou que “esta muller emprendedora ten a honra que se merece, co nome da empresa que creou e co dela propio”.

Como remate do acto, un dos seus fillos, Manuel Vázquez, explicaba que o nome de “La Castellana”, que levaba e segue levando a empresa que fundou a súa nai, era o alcume polo que se coñecía á muller que veu de Castela co seu bisavó cando este ía á sega, como moitos galegos.

Artigos relacionados

Back to top button