SanidadeÚltima hora

Inaugúrase no CHUO a mostra “Photovoice: Fotografando a depresión”

Publicidade
Este acto contaba coa presenza do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña

Na entrada principal do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) inaugurábase na mañá do 21 de novembro a mostra “Photovoice: Fotografando a Depresión”. O acto contaba coa presenza do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, que estivo acompañado, entre outras autoridades, pola responsable da Xerencia de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco, Eloína Núñez. O conselleiro sinalaba no acto que o Sergas aposta por integrar e implicar activamente aos pacientes de saúde mental, en todas as fases da asistencia sanitaria, dende á planificación ata a toma de decisións.

“Esta interacción é un reto para todos, o futuro pasa por buscar métodos innovadores e avanzar nos procedementos necesarios para garantir a súa participación efectiva”, aseguraba Jesús Vázquez. E engadía que “Photovoice” consiste nunha estratexia de investigación e acción participativa na que as persoas crean e analizan fotos, que serven para explicarlle ao grupo a súa realidade vital. No caso desta exposición, recóllense as vivencias da súa enfermidade.

Asemade o conselleiro comentaba que nos últimos anos se ten rexistrado un importante incremento da prevalenza desta patoloxía a nivel mundial e, de xeito paralelo, unha diminución da súa idade de comezo, de maneira que se converteu, segundo a Organización Mundial da Saúde, nun importante problema de saúde pública. A depresión ten un grande impacto sobre o crecemento e desenvolvemento persoal de nenos e adolescentes, sobre o seu rendemento escolar e as súas relacións familiares e interpersoais.

Por este motivo o conselleiro apuntaba que é importante contar “con profesionais de Atención Primaria, e especialistas en saúde mental, con formación e experiencia no manexo do trastorno neste grupo de idade”. Neste sentido, consideraba “imprescindible diminuír a variabilidade clínica, a través de ferramentas que axuden á toma das decisións, máis adecuadas, e baseadas no mellor coñecemento existente”.

A exposición que hoxe se abría ao público en Ourense, e que percorrerá distintos centros e hospitais galegos, é unha iniciativa que busca visibilizar a situación das persoas con problemas de saúde mental e das súas familias e, así mesmo, reivindicar publicamente os dereitos deste colectivo, apelando á empatía da sociedade, cara estes pacientes, e incidindo na importancia de poñerse no lugar dos demais para comprenderlles mellor.

Artigos relacionados

Back to top button