OurenseÚltima hora

Inaugúrase o curso académico 2018/2019 da UNED en Ourense

Do anterior, destacan a implantación do grao de Criminoloxía e o Programa Sénior que chegou á III edición

Cun novo equipo directivo e cunha páxina web renovada, comeza a Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) en Ourense o curso académico 2018/2019, cuxo acto de inauguración tiña lugar na tarde do 24 de outubro no Centro Cultural Marcos Valcárcel.

Alí, a secretaria do centro asociado da UNED en Ourense, María Concepción Álvarez, deu lectura da memoria académica do curso 2017/2018 que ofreceu en total 1.500 materias, das cales un terzo foron presenciais e as restantes impartíronse a través da plataforma virtual. Do balance dese curso, destaca a implantación do grao de Criminoloxía e o Programa Sénior que chegou á terceira edición.

Durante ese mesmo período traballaron 63 profesores-titores no centro de Ourense, e 12 profesores-titores na Aula da Rúa, xunto con 9 traballadores de Administración e Servizos, que atenderon a preto de 1.100 alumnos, aos que se suman os 600 alumnos que participaron nos cursos de Extensión Universitaria, pechándose así o curso cun alumnado de 1.700 persoas. A maior parte, o 82 %, é da provincia de Ourense e, por materias, o 42 % foron alumnos de Ciencias Sociais e Xurídicas; o 20 % de Ciencias da Saúde; o 16 % de Artes e Humanidades; o 6 % foi do Curso de Acceso: e os alumnos de Enxeñerías e Ciencias Experimentais representan o 5 % do total. Por último, o 11 % do alumnado pertence a Posgrados e o CUID. Por idades, a maior parte dos estudantes teñen entre 27 e 45 anos, aínda que o abano de idades vai dos 19 aos 79 anos.

No acto de inauguración do curso 2018/2019 , ademais da secretaria e do vicepresidente da Deputación Rosendo Fernández, participaron tamén a vicerreitora de Metodoloxía e Innovación da UNED, Ana María Serrano; a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz; o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez; o ex-director da UNED en Ourense, Jesús de Juana, quen impartiu unha conferencia maxistral sobre “Cosas de Ourense”; e en representación dos novos titulados da UNED-Ourense, Arián González.

Tralas intervencións, entregáronse os diplomas a unha representación do alumnado que rematou os seus estudos, integrada por 11 persoas, pechando o acto a actuación da Coral Capela Madrigalista.

 

Artigos relacionados

Back to top button