A seca e a calor non dan tregua. E tampouco os incendios que volven azoutar o municipio ourensán de Verín. Nesta ocasión a afectada é a parroquia de Vilamaior do Val, onde continúa activo un gran incendio que se despraza en dirección ao pobo de Queirugás. Pola proximidade a este núcleo de poboación, a Consellería do Medio Rural declaraba como medida preventiva a “Situación 2”
O forte vento dificulta os labores de extinción dese lune que comezou ás 16,30 h. e no seu control levan traballado 4 técnicos, 25 axentes, 54 brigadas, 34 motobombas, 4 pas, 12 helicópteros e 7 avións. Tamén colaboraron efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME), do Grupo de Emerxencia Supramunicipal (GES) de Laza e bombeiros comarcais da zona. Segundo as últimas estimacións, a superficie afectada é dunhas 1.200 hectáreas.
Dada a magnitude do incendio a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, acudía xa de noite ata o lugar do incendio en Verín. Alí denunciou a intencionalidade coa que foi provocado este incendio forestal. “Comezou no sitio adecuado para que tirase moitísimo, nunha pendente e a favor do aire, ao carón ademais dunhas impresionantes zonas repoboadas de piñeiros e castiñeiros”, declarou aos medios de comunicación.
Fotos cedidas.