Máis de 2 km de galerías, salas, pozos, un abraiante lago subterráneo e unha nova entrada. A sima Aradelas, a máis profunda de Galicia, segue a deparar numerosas sorpresas. A exploración realizada nela ao longo deste ano revelaba descubrimentos que reforzan o gran valor desta cova, situada ao norte do Xeoparque Mundial Montañas do Courel, na provincia de Lugo. Era explorada por primeira vez en 1972 polos Clubs Santa Clara e Montañeiros Celtas de Vigo, que chegaban ata os 120 m de profundidade en 1973. Despois, o Espéleo Club Aradelas atopaba novos pozos e pasaxes, trazando o primeiro mapa completo da cavidade en 1987, mentres que o GEM Val da Néboa descubría a Sala Monforte en 1991 e, hai uns anos, superaba os 190 m.
Neste 2024 volvíase á cova nun labor coordinado dos grupos de exploración subterránea dos clubs Irmandiños, Ártabros e Monteñeiros Celtas, dos clubs de espeleoloxía e montaña Troglobois e Taranis, o Grupo de Espeleoloxía Lugo, o Espeleo Clube Rei Cintolo, Espéleo Club Aradelas e Club Alpino Ourensán-Manzaneda, coa colaboración dos grupos asturianos Polifemo e Gorfoli. O resultado, asombroso: un novo plano da cova con 2,2 km de condutos subterráneos (con abundantes e variados espeleotemas, como estalactitas, estalagmitas, columnas, gours, pisolitas, helicitas ou excéntricas), o descubrimento do lago Hydra (investigado mediante técnicas de espeleomergullo) e dunha nova entrada.
Achádegos que se presentaban o 9 de novembro na segunda xornada do Outono Xeolóxico do Xeoparque do Courel, coa colaboración da Fedeación Galega de Espeleoloxía (FGE). “O verdadeiro valor destes descubrimentos non radica no que atopamos, senón no que compartimos. É por iso que queremos dar a coñecelos. Xa contabamos cun patrimonio subterráneo importante nas montañas do Courel, e agora, con estas novas galerías dámoslle aínda máis valor”, resalta a espeléologa Inma Pumariño (GES Irmandiños), unha das exploradoras da cova Aradelas.
E aínda podería haber máis. “O proxecto segue vivo. Despois de tantos anos, atopar todo isto ensínanos que hai que seguir buscando e revolvendo porque estou case segura de que as montañas do Courel albergan máis tesouros como este nas súas entrañas”, adianta esta espeleóloga.
¿Que significan para vostede estes descubrimientos?
Son moi importantes. Eu exploro desde hai anos noutros lugares fóra de Galicia, como Picos de Europa e tamén estiven en expedicións en Papúa Nova Guinea, por exemplo, pero na miña terra nunca atopara nada novo. Así que imaxina o que supón poder atopar novas galerías en “casa”. ¡É unha satisfacción infinita!
¿Como definiría a espeleoloxía?
Para unhas persoas é unha ciencia, para outras un deporte, para outras un reto… cada un ten unha motivación para penetrar nunha cavidade e todos os puntos de vista son moi lícitos. Para min é un deporte que me axuda a coñecerme, dáme moita paz. Estar aí abaixo achégame unha sensación de tranquilidade absoluta. Ademais gústanme os retos deportivos e ás veces tamén me serve para probarme fisicamente.
¿Como entra en contacto coa sima Aradelas e co seu proxecto de exploración?
Recibo unha mensaxe de Dani, un bo amigo, que me dicía: Atopamos novas galerías en Aradelas, necesitamos que nos botedes unha man. Dani, xunto con outros amigos, nunha incursión na cova descubriu unha xanela na sala Monforte (a máis profunda da sima), escalárona e viron que iso seguía. Foron moi xenerosos compartindo ese descubrimento co resto do gremio espeleolóxico, así, desa forma todos puidemos gozar desde principios deste ano de explorar e descubrir. Isto demostra, unha vez máis, a importancia de compartir.
¿Como se desenvolvía a exploración?
O groso empezou a comezos deste ano e aínda seguimos traballando na cova. O equipo componse de 3 piares fundamentais. Por unha banda, están os espeleólogos, somos sobre 40 persoas. Xente que goza penetrando no mundo subterráneo para admirar as marabillas que nos ofrece a natureza. Organizámonos segundo a dispoñibilidade de cada un. Formamos equipos de traballo de 2, 3 ou 4 persoas. Cada xornada que imos á cova, cada equipo encárgase dun traballo; uns instalan ancoraxes, outros escalan, outros ocúpanse da topografía, etc. Somos un grupo moi sólido e moi ben organizado. Facemos un bo traballo en equipo.
Por outra banda, están os veciños do Courel, que desde hai moitos anos móstranse cómplices dos espeleólogos e non dubidan en botarnos unha man ensinándonos novas bocas, dándonos para comer na hostalaría a deshora cando saímos tarde de cova e, mesmo hai anos, cando as estradas non eran tan cómodas como agora, os veciños de Campelo ofrecían as súas casas aos espeleos para pasar a noite. E por último, e non por iso menos importante, están entidades como o Xeoparque Montañas do Courel e a FGE, que sempre están dispostas a arrimar o ombreiro. Os grandes logros son habitualmente o resultado do traballo de moitas mans, como neste caso.
¿Había expectativas de lograr estes descubrimentos ou foron unha sorpresa?
As expectativas falando de espeleólogos son crer que sempre vai aparecer algo novo… ¡ao fin e ao cabo en exploración é o que buscamos e é o que máis desexamos, claro! Nunca deixamos de pensar que aparecerá algo detrás dese meandro, que ao final da escalada hai unha sala ou que, se nos metemos por ese buraco, atoparemos un curso de auga que nos seguirá dando alegrías. Unhas veces hai sorte e outras hai que seguir buscando. Isto non quita que cando atopamos condutos como os descubertos nesta cova nos sorprendamos. ¡E o lago xa nin che conto… menuda sorpresa! Creo que todos pasamos pola fase en que dubidamos se estabamos a soñar ou se era de verdade.
Tras estes novos resultados, ¿que destacaría desta sima?
Nos últimos 10 anos en Galicia atopáronse máis de 4 km de novas galerías, isto demóstranos que queda moito por explorar, ¿canto? Non sabemos ¡pero gustaríanos pensar que queda moito! Boa parte das covas de España están formadas en calcarias do Carbonífero e do Cretácico pero a maioría das covas de Galicia están formadas en calcarias do cámbrico. ¿Que quere dicir isto? Que as rocas das covas galegas son o dobre de vellas, entón, constitúen unha singularidade en canto á idade das rocas. Aradelas segue sendo o buque insignia da espeleoloxía galega por ser a cova máis profunda da comunidade e agora, ao incrementarse en 2 km máis o seu desenvolvemento, aínda toma máis relevancia.
Texto: A.R.
Fotos cedidas.