En portadaÚltima hora

Inminente posta en marcha da banda ancha ultrarrápida nos 10 concellos do GDR Sil-Bibei-Navea

Trátase dos municipios de Trives, A Teixeira, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Manzaneda, Montederramo, Parada de Sil, Viana do Bolo, Vilariño de Conso e San Xoán de Río.

 

Vén de rematar o proceso de axudicación da explotación do proxecto de banda ancha ultrarrápida nos dez concellos que conforman o Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR8) Sil-Bibei-Navea: A Pobra de Trives, A Teixeira, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Manzaneda, Montederramo, Parada de Sil, Viana do Bolo, Vilariño de Conso e San Xoán de Río.

“O procedemento para a posta en marcha foi complexo, xa que por razóns técnicas non se fixo un contrato por obra e servizo, senón un contrato por obra que, por delegación do resto dos concellos, liderou Castro Caldelas, para a colocación das sinais de repetición necesarias por todo o territorio. Este proceso rematou en marzo. Logo, por delegación dos concellos, o procedemento para a explotación da liña encomendouse ao Concello de Parada de Sil e este contrato é o que ven de ser axudicado a empresa Itegal”, explica o presidente deste GDR, Paco Magide.

Pola súa banda, o alcalde de Parada de Sil, Aquilino Domíguez, vén de amosar a súa satisfacción por que este contrato “ten unha forte compoñente social na medida da baixada das tarifas ás empresas, pero tamén ás persoas maiores con só liña fixa, que pasarán de pagar máis de 45 euros como na actualidade a pagar sobre 12 euros, con chamadas ilimitadas a fixos e 100 minutos a móbil”.

Emilio López, en nome de Itegal, anuncia que no mes de setembro manterá reunións informativas por todo o territorio co fin de explicar os “importantísimos aforros” que ofrecen aos seus posibles usuarios e a mellora nos servizos, “xa que na actualidade unha avería da liña telefónica pode supoñer a caída da teleasistencia por varios días, o que pasará ser un problema de menos dun día no peor dos casos. A tecnoloxía empregada mellora moito os anchos de banda das actuais tecnoloxías sen fíos”.

A empresa ofertará cobertura no 91% do territorio como mínimo e, a parte das melloras nas tarifas, oferta un paquete de 51 canles de TV ou cine a carta “a tarifas que nada ten que ver coas do mercado actual”.

Así mesmo, o presidente do GDR considera que será un “instrumento de atracción de poboación ao rural xa que isto permite o teletraballo de xeito seguro con velocidades aceptables”. Sinala que a cobertura coa rede Itegal “rematará coa fenda dixital nos concellos do GDR Sil-Bibei-Navea para particulares e negocios, a parte de garantir por contrato reparacións en tempo record moi importantes para todos pero especialmente para as persoas con teleasistencia que houbo ocasións de estar duas semanas sen cobertura”. Salienta ademais que o teletraballo nestes concellos será posible e será unha realidade ó longo do mes de setembro.

Artigos relacionados

Back to top button