O Concello do Barco rematou a instalación de armarios con mangueiras contra incendios en todos os núcleos rurais do municipio. O orzamento deste proxecto, co que pretende que “os pobos do concello dispoñan de medidas para defenderse contra os lumes ata a chegada dos equipos de emerxencia”, foi de preto 25.000 euros, sendo a empresa Sistemas de Seguridad Rigel S.L. a adxudicataria do subministro e instalación dos armarios.
Tal como explican dende o Concello, a meirande parte das localidades instalouse un único armario, pero en algúns, como Alixo, Santigoso ou Coedo, colocáronse dous, “atendendo ás súas características especiais no que atinxe á distancia entre os barrios ou, no caso de Coedo, a existencia dunha estrada con moito tráfico que pode dificultar o fácil acceso ao armario”.
Os dispositivos, un total de 27, “colocáronse en todos os casos en puntos con fácil acceso, tras consultar aos veciños”, din dende o Concello do Barco, adiantando que as chaves dos armarios foron entregadas aos pedáneos de cada unha das poboacións.
O concello pretende que estes dispositivos (de cor vermella para unha fácil localización) “cumpran co obxectivo de servir aos veciños como primeira defensa, en caso de lumes ou incendios, ata a chegada dos servizos de emerxencia”. Cada un destes armarios conta con dúas mangueiras de 45 milímetros de grosor e 30 metros de lonxitude, así como redutores, chaves de apertura de hidrantes e lanzas. Para o seu uso, os veciños só teñen que abrir o armario, coller as mangueiras e conectalas a unha boca de rego.