SanidadeÚltima hora

Instálase o Belén na entrada principal do Hospital Universitario de Ourense

O Nadal entra no hospital con concertos de panxoliñas, menús de Nadal, concursos de tarxetas, de decoración das plantas ou servizos e un longo etcétera ata o 6 de xaneiro

 

Coa instalación do Belén, este ano por partida dobre, na entrada principal do novo Edificio de Hospitalización arranca no Hospital Universitario de Ourense a programación de Nadal, unha intensa axenda que traerá concertos, exposicións, actuacións e mudará a pel do centro sanitario, para tentar facer mais humanos os seus espazos e máis levadeira a estanza nestas datas para pacientes e profesionais.

Unha das principais novidades este ano é precisamente que, ademais do xa tradicional Belén que representa ao persoal sanitario e os acontecementos máis representativos do curso, este Nadal o hospital acolle o “Belén do Milo” obra artesanal de Emilio Cid, Milo, traballador do servizo de seguridade no centro, con xa longa experiencia e recoñecemento como belenista.

No seu Belén de 12 metros cadrados, Milo reproduce o novo edificio de hospitalización, precisamente onde está situado, e ademais dun centro de saúde –un en concreto por desvelar- e unha farmacia, inclúe tamén monumentos senlleiros da provincia, como o centro histórico de Vilanova dos infantes,

As Burgas e edificios, paisaxes e oficios tradicionais

As pezas están confeccionadas e pintadas a man, empregando materiais como o poliespan, espuma e area, coa que recobre edificios ou montes, cobrando vida coa automatización dalgunhas das súas figuras e incorporando auga, que percorre as fontes, ríos e fervenzas.

 

 

Concurso de decoración

Un ano máis, o hospital promove o Concurso de Decoración, unha iniciativa que se iniciou coa pandemia, como xeito de agradecer o esforzo do persoal, tamén por facer máis amables os seus espazos, nun período especialmente emocional para todos, e que conta cunha gran implicación non só do persoal, senón tamén da propia comunidade, xa que tamén colaboran centros educativos como o Cole de Cea (CPI Virxe da Saleta), Colexio Sta. Teresa de Jesus-Carmelitas, que acudiron hoxe, e o veciño CEIP Amadeo Rodriguez Barroso.

Xunto ao tamén tradicional concurso de tarxetas de Nadal, que recollen os debuxos dos fillos ou netos do persoal, o Hospital Universitario colabora con campañas globais, como a recollida de alimentos ou xoguetes, e recibirá visitas dalgúns dos equipos deportivos da provincia, ademais dos persoaxes mais importantes nestas datas: Papa Noel o día 25 e os Reis Magos o día 6 de xaneiro. Todo isto acompañado de concertos de panxoliñas, menús especiais de Nadal, actuacións de magos, ilusionistas e músicos e, como non, moita ilusión por acompañar e axudar.

Artigos relacionados

Back to top button