
Esta fin de semana (29, 30 e 31 de agosto, e 1 de setembro) terá lugar o Campionato de España de Volei Praia, que se celebra en Fuengirola (Málaga). Ata alí desprazaranse oito integrantes do Clube Volei Praia Milenio Ourense: Nuria Bouza, Erika Kliokmanaite, Rebeca Kruse, Sandra Salleras e Sara Amarelle en categoría feminina; e Diego Mahía, e os irmáns Vicente e Javier Monfort en competición masculina.
Neste campionato reúnense as mellores parellas do volei praia internacional, e é a última proba do prestixioso circuito Madison Beach Volley Tour.
Dende o clube afirman que “Javier y Vicente Monfort, intentarán volver facer outro gran torneo despois dos seus grandes resultados nos dous últimos, co título obtido en Laredo e subcampionato de Tarragona”.
Ademais, no eido feminino, explican que “Nuria Bouza, intentará dar a sorpresa e colocarse entre as favoritas aínda que é unha empresa difícil, porque estrenará parella neste torneo coa xove xogadora, Ania Esarte, e terán unha dura competencia con Ángela Lobato e Amaranta Fernández, Tania Moreno e Olga Matveeva ou Belén Carro e Paula Soria como grandes favoritas ao triunfo final”.