OurenseÚltima hora

Internet de alta velocidade para os núcleos rurais da cidade de Ourense

O Concello instalará unha infraestrutura de comunicacións da que carecen moitos núcleos para favorecer o acceso da veciñanza aos servizos de administración electrónica, educación, saúde, lecer ou teletraballo

 

O Concello de Ourense instalará unha infraestrutura de comunicacións vía radio para a súa posterior explotación por un terceiro coa intención de lle ofrecer servizo de internet de alta velocidade á veciñanza da contorna urbana, máis de 8.000 habitantes pertencentes a 17 parroquias do perímetro rural.

Tal como avanzan dende a administración local, o obxectivo fundamental deste proxecto é que “estas zonas poidan ter un acceso a internet de alta velocidade, desde 31 Mb/s, cunhas prestacións técnicas e cunhas tarifas económicas similares á cidade, xa que actualmente existen zonas nestas parroquias que dispoñen dunha oferta limitada ou inexistente para a contratación deste servizo”.

O alcalde de Ourense, Gonzalo Jácome, asegura que con este proxecto, “imos meter todo o municipio de Ourense no século XXI” e “eliminar á fenda dixital que hoxe existe no municipio de Ourense entre a cidade e a zona rural”, en relación a aquelas zonas no perímetro urbano que actualmente carecen de Internet de alta velocidade. Con esta iniciativa, explica o rexedor, as persoas que residen nestas contornas, unhas 8.000, poderán dispoñer de “unha administración pública electrónica, acceso a educación online, servizos de sanidade, entretemento, comercio electrónico, teletraballo e moitísimas outras aplicacións desta tecnoloxía”.

Sobre a rede que se instalará poderanse ofrecer -e por tanto contratar por parte da cidadanía- servizos IP, tales como telefonía básica, servizos avanzados de telefonía e televisión IP. Unha vez redactado o proxecto executarase o desenvolvemento da infraestrutura, o que suporá un custe inferior aos 100.000 euros. Paralelamente, licitarase o mantemento e explotación do servizo, cuxo custe para anual para o Concello será de 0 €.

O proxecto beneficiará a dezasete parroquias do perímetro rural: Arrabaldo, Beiro, Canedo, Ceboliño, Cudeiro, O Monte, Montealegre, Castro de Beiro, Palmés, Rairo, Reza, Seixalbo, Trasalba, Untes, Velle, Vilar de Astrés e Vista Fermosa.

Artigos relacionados

Back to top button