En portadaÚltima hora

Investigadores de Valdeorras e Viana, entre os participantes nas Xornadas Florenciófilas

Celebraranse os días 18, 19 e 20 de novembro con encontros na Rúa, Petín, O Barco e Rubiá

 

A piques de rematar o ano de Florencio dende o proxecto As Letras de Florencio propoñen unhas Xornadas Florenciófilas que reunirán na comarca de Valdeorras a expertos en lingua e literatura galega, investigación histórica e artes. Trátase de catro mesas nas que participarán o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o catedrático e ex presidente da RAG Xesús Alonso Montero; os investigadores Ramón Pena, Aurora Marco, Telmo Gonçalves, Camilo Valdehorras, Concepción Álvarez e Paco Cobo; e os creadores Domingo D. Docampo, Raquel Queizás e Ramiro Núñez.

Cun formato pensado para o coloquio, o obxectivo destas xornadas é “facer balance do lugar que ocupa agora a obra e vida de Florencio dentro da cultura galega”, din dende a organización.

Estas xornadas faranse en catro municipios da comarca: A Rúa, Petín, O Barco e Rubiá, “para facer partícipe a toda a veciñanza de Valdeorras da pulsión divulgadora que percorreu o país nesta celebración das Letras 2022”, din dende As Letras de Florencio, explicando que Víctor F. Freixanes, presidente da RAG, “aproveitou o simposio co que a Academia pechou os seus actos para destacar o agarimo e entusiasmo co que se viviran en Valdeorras e tanto el como o resto de persoas convocadas ás Xornadas, devolven ese agarimo coa visita do próximo fin de semana”. A asistencia a todos os actos é libre ata completar aforo e tras os coloquios ofrecerase un aperitivo cunha degustación de produtos gastronómicos de Valdeorras.

O programa arranca o venres ás 20 horas no Centro Cultural Avenida da Rúa, cunha Mesa Literaria na que estarán o propio Freixanes, Xesús Alonso Montero e mais Ramón Pena, autores os dous últimos de dúas antoloxías sobre Florencio publicadas este ano. O sábado comezará coa Mesa da Historia ás 12 horas na Casa da Cultura de Petín, na que Aurora Marco falará da posguerra e a represión en Valdeorras e Telmo Gonçalves e Camilo Valdehorras do exilio en México. Ese mesmo día, as 19 horas, celebrarase un Mesa da Lingua na Casa do Río Cigüeño do Barco na que intervirán a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, a lingüísta vianesa Concepción Álvarez, e o investigador barquense Francisco Cobo. As xornadas pecharanse o domingo cunha Mesa das Artes na que estarán creadores que teñen adaptado a Florencio a diferentes formatos e soportes como o teatro, o audiovisual ou a música. Son Domingo D. Docampo, Ramiro Núñez e Raquel Queizás. Será no Centro de Interpretación do Parque Natural da Serra da Lastra, en Biobra, concello de Rubiá.

Artigos relacionados

Back to top button