CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

Isaura & CO, este sábado na Estación de Montaña de Manzaneda no ciclo “Elas Cantan”

 

Se por algo destaca a programación de verán da Estación de Montaña Manzaneda é por xuntar deporte e lecer cun completo calendario de eventos que se prolongará ata setembro. A pasada fin de semana a Tsunami Manzaneda facía soltar adrenalina nos descensos polas súas pistas e nesta ocasión o protagonismo terao o ciclo de concertos “Elas Cantan” coa actuación de Isaura & CO. Partindo da elegancia do bolero clásico, o grupo creará un universo musical propio. Todas as actuacións programadas para os sábados de xullo e agosto na Estación estarán lideradas por mulleres.

Despois do inaugural de Habana Feeling e o de Law da pasada fin de semana, a actuación de Isaura & CO dará paso aos seguintes concertos: Soul&Roll (22 de xullo); Carolina Rubirosa (29 de xullo); Failim (5 de agosto); Alo Jazz (12 de agosto); Two in the mirrow (26 de agosto).

 

 

Tamén a gastronomía terá un papel protagonista tras a reapertura, a pasada fin de semana, do restaurante “Os Arandos”, que se mantivo pechado desde a pandemia. Para esta fin de semana decidiuse ampliar o seu horario, de venres a domingo. Na súa carta, ofrecerá atractivos menús con produtos da zona, especialmente viños, carnes e embutidos ou empanada caseira, sen que tampouco falte o polbo nin, por suposto, a bica. O seu horario será de 13.00 a 15.30 horas e de 21.00 a 23.00 horas e o menú custará 25 euros. Ademais, seguirá ao dispor dos visitantes o restaurante autoservizo.

No ámbito deportivo, este é o calendario previsto:
23 de xullo: Copa de España DH.
29, 30 de xullo: Curso MTB Planet.
12 de agosto: Marcha Ciclista CicloSil.
19 de agosto: Gladiator infantil.
25, 26 e 27 de agosto: Motorsport Campus
3 de setembro: Marcha ciclista Federación.

E a todo iso sumaranse as actividades da propia Estación de Montaña cun rocódromo infantil, varios campos de paintball ou parques multiaventura para nenos, entre outras propostas. Complementarán as xa ofertadas o ano pasado: bike park adulto e júnior, rutas dacabalo, tiro con arco, telecadeira turístico ou piscina e circuíto termal.

A Estación abrirá o 100% das súas instalacións e servizos de venres a domingo, mentres que durante o resto da semana ofrecerá aloxamento e restauración, ademais da piscina e o spa.

Tanto as novidades como o resto de propostas poden consultarse na web www.manzaneda.com.

Artigos relacionados

Back to top button