Dende a perspectiva história, e baseándose nos documentos, abordaba o viño e a viticultura na comarca de Valdeorras o investigador Isidro García Tato, natural de Viladequinta (Carballeda de Valdeorras), na conferencia que impartía na tarde do 29 de novembro na Biblioteca Florencio Delgado Gurriarán do Barco. O seu título era “O viño na Idade Media na actual Denominación de Orixe Valdeorras”.
“O espazo a tratar non é a xurisdicción medieval de Valdeorras, que comprendía, pouco máis ou menos, os actuais concellos de Carballeda, Rubiá, O Barco, Vilamartín, A Rúa e Petín, senón o territorio que abrangue na actualidade a D.O. Valdeorras”, matizaba o ponente no inicio da súa intervención. Así a zona amparada pola denominación inclúe tamén a xurisdicción medieval “do Bolo” e “o couto de Larouco”.
García Tato destacaba ademais o papel clave dos centros monásticos na extensión do viñedo pola xeografía valdeorresa tras a época romana. “Os monxes pódense considerar como os verdadeiros patres vinearum (pais do viñedo)”.
Despois referíase á presenza de mosteiros e institucións monásticas en Valdeorras e o que supuxeron na xeralización do cultivo da vide e na súa extensión mesmo “en zonas onde as condicións xerais non eran as máis axeitadas para a obtención de viños de calidade”.
Esta conferencia formaba parte do ciclo divulgativo sobre a cultura vitivinícola que está a desenvolver neste outono o Museo do Viño de Galicia, neste caso en colaboración co CRDO Valdeorras, co Concello do Barco e co Instituto de Estudios Valdeorreses.
Fotos: A.R.