En Purdeus (Parada de Sil) rescatábase hai xa catro anos a tradición da pisa da castaña cun carácter festivo. “Esta é unha festa de recuperación da nosa historia na que este labor, hoxe festivo, era un traballo que logo reportaba alimento para unha boa parte do ano. A iniciativa ten un forte compoñente etnográfico e vai acompañada por unha feira de produtos da zona”, explica a alcaldesa de Parada de Sil, Yolanda Jácome.
Este ano a celebración terá lugar o 28 de novembro. Comezará ás 11:30h. cunha recreación da pisa da castaña tradicional. Ademais entre as 11h. e as 16h. poderá visitarse unha Feira de Produtos Artesáns con postos locais de viños, cervexas, marmeladas, queixo, pan ou bicas. Ao redor das dúas da tarde terá lugar o “Xantar da Castaña”. Por un prezo de 10 euros por persoa ofrecerase, nunha carpa con calefacción, un suculento menú de empanada, xarrete estofado, sobremesas, bebida e café. Para máis información ou reservas pode consultarse a web www.paradadesil.es.
A IV Festa da Pisa porá ademais o broche ao programa de actividades de outono programado polo Concello de Parada de Sil.