Tras o primeiro día de confinamento, o adegueiro e hostaleiro valdeorrés Javier García Arias decidía plasmar por escrito as súas sensacións. Na noite do 14 de marzo sentábase diante do ordenador e contaba en facebook o que fixera nesa xornada, “cousas cotiás como comer chocolate, patacas fritas… Ao día seguinte decidín poñerme a estudar inglés e comezar a facer aquelas cousas para as que nunca tes tempo, e, pola noite, expliqueino tamén nas redes sociais”, lembra.
E así comezaba a crear unha especie de diario no que escribía cada noite e que, xornada a xornada, ía incrementando o seu número de seguidores. “Cada vez me seguía máis xente, agora son máis de cen, e dende un principio tiven moita interacción con eles, de feito moitas das cuestións que comentaba era comúns”, destaca.
Despois de case 60 días de confinamento ese diario evolucionou e pasou a converterse nun “anecdotario” que recolle acontecementos cotiás desta corentena no rural, reflexións, crítica, humor, estados de ánimo, consellos… que facían “rir, chorar e pensar a todos aqueles que, día tras día, líano como unha vía de escape a unha situación de tensión emocional”, comenta Javier García.
Tamén a entende como unha guía de autoaxuda “para reinventarse e enfocar a vida dende outro prisma intentando aproveitar as oportunidades que che brinda esta nova realidade, sen deixarse caer na desesperación e pesimismo das situacións de crise. Para min é tamén un diario de autoreinvención para saír dela, por exemplo, eu agora estou vendendo por internet”, destaca o autor.
Ela evolución do proxecto levou ademais a que os seus lectores o animarán a facer del un libro, “Diario de confinamiento. 14 de marzo-14 de mayo. Reflexiones de vida”, e para finaanciar a súa edición vén de apostar polo crowfounding ou micromecenado. “Son necesarios máis de 4.000 euros, pero acabamos de empezar e xa temos 32 mecenas”, confesa.
A esta iniciativa tamén se sumaban tres dos seus seguidores nas redes sociais: Elisa Alonso Fernández, que se encargará do prólogo, no que dará “a visión de como viviu o confinamento unha española dende Australia”, o fotógrafo Álvaro Rodríguez “Purre” e a “colaboradora incondicional” Nuria Estévez, que aportarán imaxes deste tempo de corentena.
Javier García confía en que o proxecto poida saír adiante, “gustaríame que se puidera publicar o libro porque sería un recordo gráfico das vivencias de Valdeorras, e do rural neste confinamento, hai moitas historias comúns”, conclúe.
Máis información sobre o proxecto:
https://www.verkami.com/projects/26495-diario-de-confinamiento-del-covid-19-a-la-reinvencion