
O salón de actos da Casa de Cultura de Quiroga vén de acoller a presentación do libro “A Aira dos Ventos” do poeta de Meiraos, Jesús Alfonso Parada Jato. O autor estivo acompañado polo dalcalde de Quiroga, José Luis Rivera e do concelleiro de Normalización Lingüística, Xosé Manuel F. Montes, ademais de por familiares, amigos e veciños. Esta actividade forma parte do amplo programa denominado “O Mes das Nosas Letras” organizado polo Concello de Quiroga desde as Áreas de Cultura e de Dinamización Lingüística.
Jesús Alfonso Parada é orixinario de Meiraos, no concello de Folgoso do Courel, e destaca pola súa dedicación literaria e pictórica. O seu profundo amor polo rural e a historia fai que gran parte da súa obra recolla a etnografía, as tradicións, as lendas e a paisaxe da Serra do Courel. O autor, dixo atreverse con esta peza de teatro, para tratar de que os propios lectores se mergullasen de tal xeito cos personaxes para que eles mesmos imaxinasen como serían esas escenas. Parada Jato, contou que lle gustaría que algún grupo de teatro afeccionado se interesasen pola súa obra e a quixeran levar riba do escenario.

Jesús Alfonso Parada é, ante todo, un apaixonado do rural. Investigador e divulgador das tradicións do Courel, e da súa aldea, Meiraos, en particular, traballa arreo para preservar todo o patrimonio que temos nas aldeas. Ten publicados 3 ensaios e preto de 20 poemarios, recibindo varios premios na súa traxectoria dende 2007.
“A Aira dos Ventos” vén sendo unha peza teatral de 70 páxinas. Editada por Avant Editorial e ilustrada polo propio autor tanto na capa como na tripa e que versa sobre a dura vida no rural, onde un neno sempre está suxeito a un férreo control e onde tamén debe colaborar nas tarefas cotiás prescindindo dos xogos ou doutras actividades lúdicas. Cando xa é un adulto, e os seus proxenitores morren, debe enfrontar outros inimigos máis silandeiros e menos visibles, e por suposto, inesperados.
Unha viaxe onde os mitos conviven coa realidade dando sentido ás nosas accións. No rural galego onde a peza está ambientada, como no caso da antiga Grecia, os mitos teñen un comportamento moi humano e así atopamos a Raposa da Morgaza, un dos mitos principais e tamén un dos menos estudados na montaña luguesa. A raposa cobra vida e conversa cos protagonistas nalgunha das XX escenas que conforman a obra.
Unha peza que se apoia nos silencios, nas emocións contidas, deixando que o propio lector imaxine o resto da acción para así participar e poder entendela mellor.
A música está presente en varias das escenas transportando ao lector ata os anos 70 do século pasado e tamén ata o s. XIII coas Cantigas de Santa María. E cando todo parecía perdido, xorde a solución definitiva, esa que sempre estivo aí malia que; o protagonista principal non sabía como atopala… pois a Aira dos Ventos, ese espazo mítico, case sagrado onde todo se amaña de seu, existe… claro que existe, e se non existe haina que inventar.
Fotos: RTMQuiroga.
