
Con orixes en San Xulián (A Rúa) e Licenciado en Empresariais pola Universidad de Valladolid, o burgalés Jesús Borro Fernández é autor de novelas, ensaios e artigos xornalísticos. Comezou a súa carreira literaria con Ondas Hertzianas (1998), Premio Ciudad de Monzón, que ademais foi a primeira novela negra ambientada na cidade de Burgos e, tras varios libros publicados e varios premios, neste 2026 presenta Pelos en el bidé, unha novela curta de carácter escatolóxico, humorístico e existencial, narrada en primeira persoa desde a perspectiva dun fontaneiro entregado de cheo ás súas dúas paixóns: o seu abnegado traballo e a súa vocación como adestrador de fútbol en categorías inferiores.
O título xa anticipa o ton provocador e directo dunha obra que combina “as descarnadas reflexións privados do protagonista, con escenas da súa actividade cotiá entre tubaxes, cargadas de sarcasmo e ironía”. O estilo narrativo destaca polo seu ritmo áxil, coloquial e deliberadamente desinhibido, cunha voz protagonista moi marcada, que se dirixe ao lector sen filtros, coma se se tratase dun monólogo interior. A través de capítulos breves e cun ritmo frenético, trufado de humor negro, o narrador comparte pensamentos sobre o desexo, o desamor, o erotismo, a insatisfacción, a imaxe corporal e o paso do tempo, todo iso atravesado por unha mirada profundamente humana e, a intres, corrosiva.
Tal como explica o propio autor, a obra oscila “entre o absurdo e o lúcido”, e consegue momentos de gran autenticidade emocional sen perder nunca o seu ton punzante. Apóiase en referencias á cultura pop e á propia contracultura, cunha banda sonora sempre presente ao longo do texto, cuxos acordes van dun punk nihilista, ao rock and roll máis transgresivo.
A finais de mes Jesús Borro estará con Pelos en el bidé na 50ª edición da Feira do Libro de Burgos que se celebrará do 28 de maio ao 7 de xuño.