En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Jorge Álvarez faise co 1º premio no Concurso de Xoves Deseñadores da Mostra do Encaixe de Camariñas

O estilista, modelo e deseñador vianés presentou unha colección inspirada nas raíñas

“Non o esperaba” aseguraba Jorge Álvarez, o flamante campión do Concurso de Xoves Deseñadores da Mostra do Encaixe de Camariñas 2018 unhas horas despois de recibir o galardón. “Eramos trinta finalistas de toda España e o nivel altísimo”, recoñecía emocionado unha vez asimilado que desta volta a súa proposta fora a gañadora.

 

Jorge Álvarez cos modelos que luciron os seus traxes.

Este xove vianés (estilista, modelo e deseñador) xa o intentara o ano pasado con Primary Colors, quedando ás portas e este ano con Royalty facíase co primeiro premio. Despois dunha semana de desfiles, no marco da XXVIII edición da Mostra do Encaixe de Camariñas que se celebrou en plena Semana Santa, o domingo día 1 de abril recollía o  título de mans do alcalde de Camariñas.

Para esta edición do concurso Jorge presentou unha colección inspirada nas raíñas, formada por catro estilismos titulados Mª Antonieta, Isabel La Católica, Felipe El Hermoso e Juana La Loca, sendo este último modelo o que pechaba o desfile causando un gran impacto: un home vestido de muller co que quixo demostrar que “calquera persoa pode ser unha raíña sen importar o xénero, a forma ou a procedencia e chamou moito a atención”, asegura Jorge.

 

O traxe titulado “Juana La Loca” foi o que máis chamou a atención.

Tanto a idea como os deseños gustaron e agora estarán durante dous anos expostos no Museo do Traxe de Camariñas, ademais do recoñecemento que supón o galardón e da remuneración económica. “Ademais o ano que vén terei que volver a entregar algún dos premios”, adianta ilusionado este xove emprendedor que se atreve con todo.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button