EconomíaEconomíaGalerías de fotosÚltima hora

Jorge De Álvarez expón en Viana do Bolo as súas últimas coleccións de moda

A mostra cos deseños de "Royalty" e "Metamorfosis" poderá visitarse ata o 7 de xaneiro na Sala de Exposicións

 

Dende o 7 de decembro de 2019 e ata o 7 de xaneiro de 2020 a Sala de Exposicións de Viana do Bolo (ao lado do Concello) acolle a mostra de moda de Jorge De Álvarez. Unha exposición cos deseños das dúas últimas coleccións premiadas deste xove modisto vianés: Royalty e Metamorfosis.

A primeira, Royalty, está inspirada nas realezas española e francesa, e formada por catro deseños realizados en teas brocadas e encaixe de Camariñas dourados. “Son deseños sen xénero que demostran que calquera persoa pode ser unha raíña”, di Jorge, que valeron o Primeiro Premio na Mostra do Encaixe de Camariñas 2018. A segunda, Metamorfosis, está inspirada nos anos 30, nas festas clandestinas nas que os homosexuais se travestían para poder ser eles mesmos. A pedrería e as plumas son a esencia desta colección que resultou gañadora do premio DS Midnigth Fashion de Mondariz 2019.

 

Jorge cos seus pais, Felipe e Adelina.

 

En total son 30 os deseños que forman parte da mostra coa que Jorge Álvarez pretende demostrar que “no rural tamén se pode”. A inauguración tiña lugar na tarde de onte, coa asistencia de numeroso público e malia estar acostumado ás pasarelas, Jorge recoñecía estar nervioso xa que facer unha exposición era un dos seus soños e por fin facíase realidade. “E en casa o que todavía me alegra máis”, di, agradecido a todos os que o fixeron posible e colaboraron con el. Dende os veciños e asistentes ao acto, ata o Concello que lle cedeu o local, sen esquecer á familia e aos amigos máis achegados.

 

Detalle dun bordado con fío de ouro nun dos deseños de Jorge De Álvarez.

 

De feito a exposición está adicada a dúas persoas moi especiais para el: a súa avoa Lugardita, que sempre o apoio e falecía hai uns meses; e Estela Barone unha boa amiga que, entre outras cousas, se ocupa da parte fotográfica dos eventos nos que se embarca. Ela foi a encargada de cortar a cinta que daba acceso á exposición en torno ás oito da tarde deste sábado 7 de decembro, dando paso a un emotivo discurso do propio Jorge no que explicou os motivos que o levaron a organizar o evento. Nos desfiles, a xente non é consciente do traballo que hai detrás de cada deseño. Os bocetos, os patróns, a costura,… Horas de traballo e noites sen durmir para chegar á prenda final que se ve sobre a pasarela. “Iso é o que quero que a xente vexa, o proceso completo, dende a idea orixinal e o debuxo ata a prenda rematada. Que a xente poida ver as prendas de cerca e aprezar os detalles”, explica o propio Jorge.

Na inauguración, ademais dos deseños en perchas e tamén maniquíes, fotografías e mesmo patróns, tamén houbo catro modelos de carne e oso que luciron algúns dos deseños de festa de Jorge De Álvarez.

A exposición pode verse en horario de mañá e tamén abrirá as portas nalgunha data especial neste Nadal.

Fotos: Estela Barone.

Artigos relacionados

Back to top button