AutomobilismoDeportesÚltima horaVídeos

José Manuel Torres: “Esta subida é de toda Valdeorras”

O presidente da Escudería presentaba o cartel da V Subida a Valdeorras que se celebrará en xuño no Barco

 

En menos de dous meses celebrarase no Barco a V edición da Subida a Valdeorras. Unha proba para a que levan tempo traballando dende a Escudería Valdeorras e que no mediodía destes sábado 22 de abril presentaban oficialmente.

Facíano no exterior do pavillón vello do Barco, a carón dun Ford Escort preparado para a competición, minutos antes do xantar da “Festa da Paella”, por parte do presidente da escudería, José Manuel Torres e do concelleiro de Deportes do Barco, Aurentino Alonso.

 

 

Despois de facer un repaso pola traxectoria da escudería, con probas na comarca como varios slalon puntuables para o campionato galego, varias probas de autocross e tres subidas a Valdeorras, Torres lembraba que vinteun anos despois do parón xuntábase un grupo de persoas “con ganas de facer ben as cousas”. Tras a recuperación da subida o ano pasado, asegura que teñen por diante o reto de mellorala coa V edición, puntuable para o Campionato de España de Montaña. “Este ano témolo todo moito máis difícil pero estamos traballando con ilusión e temos o apoio da Deputación de Ourense, da Xunta e por suposto do Concello do Barco de Valdeorras, tres puntais para poder sacar isto adiante”, dixo.

“Poremos todo da nosa parte para que sexa das mellores subidas de España pero non depende só de nos senón tamén do percorrido que se adapta ao 100% ás medidas que pide a Federación Española de Automobilismo, temos xente en Viloira espectacular que axuda en todo e apoia, temos un heliporto no Campiño de Viloira, un parque a pé de competición, oferta hostaleira, e sobre todo unha afección que o ano pasado respondía de forma marabillosa. A Subida a Valdeorras é de todos os valdeorreses por iso agradezo que cada un poña o seu gran de area para sacar este evento adiante”, concluía.

 

 

Antes de proceder a descubrir o cartel desta V edición, o concelleiro de Deportes Aurentino Alonso daba as grazas á Escudería Valdeorras e a todos os afeccionados polo seu traballo porque “sen toda esa masa humana sería imposible levar a cabo tamaño espectáculo”, dixo, recoñecendo que dende o Concello do Barco “sempre imos ter a ilusión e as ganas de colaborar convosco igual que con todos os clubs que organizan actividades”.

Tralo acto tiña lugar o xantar no interior do pavillón que reunía a unhas 150 persoas.

Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button