OurenseÚltima hora

José María Eguileta ingresará mañá como académico numerario da Real Academia Galega de Belas Artes

O arqueólogo municipal do Concello de Ourense pronunciará o seu discurso “Planificación urbanística, arqueoloxía, protección e investigación no Concello de Ourense” nun acto de recepción pública no Paraninfo do IES Ramón Otero Pedrayo de Ourense, ás 12 horas

José María Eguileta Franco, arqueoólogo do Concello de Ourense./ Cedida.

 

A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) celebrará mañá sábado, 30 de abril, unha sesión extraordinaria pública no Paraninfo do IES Ramón Otero Pedrayo de Ourense (rúa Padre Feijóo, 14), ás 12 horas, para a recepción do ingreso como académico numerario da Sección de Museoloxía e Arqueoloxía da institución do doutor en Historia e arqueólogo de profesión José María Eguileta Franco. Pronunciará o seu discurso de ingreso, titulado “Planificación urbanística, arqueoloxía, protección e investigación no Concello de Ourense”, que será contestado en nome da Academia polo membro numerario da Sección de Arqueoloxía e Museoloxía, Felipe- Senén López Gómez.

Asistirán ao acto o presidente da RAGBA, Manuel Quintana Martelo; o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Luis Fernández; o tenente de alcalde de Ourense, Armando Ojea Bouzo; o asesor do Concello de Ourense, Eloy Mojón; o deputado do PP Carlos Gómez Salgado; Pepe Araújo, Flora Moure e Luis Seara dos grupos municipais de Ciudadanos, PP e BNG, respectivamente; o académico da Real Academia Galega, Alfonso Vázquez Monxardín; a secretaria do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG), Elvira Carregado; o director da UNED-Ourense, Jesús Manuel García Díaz; e Celia Pereira Porto, Antonio Blanco Rodríguez, Luís Martínez-Risco Daviña, e Xosé Rodríguez Díaz, membros da Fundación Risco; ademais doutros académicos da institución e autoridades.

De investigacións sobre a prehistoria recente á arqueoloxía urbana

José María Eguileta Franco (Pontevedra, 1959) é xefe do Departamento de Arqueoloxía do Concello de Ourense, vogal e relator da súa Comisión Técnica Municipal para a Protección de Bens Culturais e vogal da Comisión de Patrimonio Cultural da Deputación Provincial de Ourense. Graduouse en Prehistoria e Arqueoloxía na Universidade de Santiago de Compostela (USC) coa máxima cualificación e obtivo o título de Doutor en 1994, acadando o Premio Extraordinario. É académico correspondente da Real Academia Galega de Belas Artes desde 2016 e xuíz honorario do Couto Mixto.

Foi arqueólogo profesional, autónomo e empresario, entre 1993 e 1999. Desde 1995 ata 2021 impartiu docencia nas universidades de Santiago de Compostela, Vigo, e no Centro Asociado de Ourense da UNED, e foi membro da Comisión de Calidade da titulación de Historia da Universidade de Vigo (UVigo) entre 2016 e 2021. Tamén impartiu docencia en másters na USC. Foi membro do padroado e responsable da Sección de Ciencias Sociais da Fundación Vicente Risco ata o ano 2021.

Centrou a súa investigación na Prehistoria recente, dirixindo e codirixindo proxectos de investigación na comarca ourensá da Baixa Limia, escavando megálitos, poboados calcolíticos, ademais de xacementos medievais e galaico-romanos e castrexos. Participou en proxectos universitarios de I+D das universidades de Santiago e Vigo coa categoría de investigador.

Publicou varios libros, entre eles, “A Baixa Limia Galega na Prehistoria Recente. Arqueoloxía dunha paisaxe da Galicia Interior”, “Mámoas y paisaje, muerte y vida en Val de Salas (Ourense). El fenómeno megalítico en un valle de montaña” ou “Dende Auria”, en dous volumes. Coordinou, entre outros, “Arqueoloxía Prehistórica na Terra de Celanova”, “Aqva, Divi, Vrbs” (Auga, Deuses e Cidade), sobre as recentes escavacións arqueolóxicas nas Burgas. Tamén publicou numerosos artigos en revistas científicas, participando e organizando congresos, cursos universitarios de verán e xornadas científicas. Na actualidade está a centrar as súas investigacións na arqueoloxía urbana.

Entre 2011 e 2021 foi colaborador no xornal Faro de Vigo na sección de “Ilustres”, con artigos sobre Patrimonio Cultural con especial atención á Arqueoloxía. Actualmente, é colaborador do xornal La Región coa sección “Diarios do Pasado” e a mesma temática relacionada co Patrimonio Cultural.

Artigos relacionados

Back to top button