O XXXVIII Congreso da Sociedade Galega de Medicina Interna (SOGAMI), entidade que representa a case 500 internistas, desenvolvíase a pasada fin de semana no Hospital Lucus Augusti. Durante o Congreso, no que os internistas galegos trataban temas transversais propios da súa especialidade como a atención aos pacientes crónicos e pluripatolóxicos, as multirresistencias bacterianas, insuficiencia cardíaca, próximas pandemias ou tecnoloxía aplicada á medicina, tamén se produciu o nomeamento do novo presidente da organización, o doutor Juan González Soler, adxunto en Medicina Interna no Hospital Universitario de Ourense.
“Somos defensores sen concesións da Medicina Interna, e iso é o que imos defender durante todo o noso mandato”, dixo no seu discurso de agradecemento. Ademais, anunciou que o próximo Congreso será en Ourense en 2023.
Nova directiva
Paralelamente, a Sociedade elixiu á súa nova directiva, cunha destacable presenza de mulleres. Algúns dos cargos son:
– Vicepresidenta: Doutora Cristina Barbagelata.
– Secretaria: Doutora Ana Latorre.
– Tesoureiro: Doutor José Antonio Díaz.
Fotos: Sogami.