CulturaCulturaÚltima hora

Juan José Ballesta (‘El Bola’), protagonizará a curta que Rodrigo Marini rodará en abril no Barco

O gañador dun Goya e unha Cuncha de Prata dará vida ao protagonista de 'Dopamina Zero'

Juan José Ballesta ‘El Bola’.

 

Co inicio do ano comeza tamén a conta atrás para a rodaxe de Dopamina Zero, a curta que Rodrigo Marini rodará no mes de abril no Barco de Valdeorras e que contará cun gran elenco de artistas encabezado por Juan José Ballesta (El Bola).

O gañador dun Goya e dunha Cuncha de Prata será o encargado de interpretar ao protagonista desta curtametraxe que narra a vida dun músico cunha enfermidade multisistémica neurodexenerativa como é o Párkinson, contada a través dunha historia de amor. “A vida do protagonista cambia cando coñece a Valentina, dependenta nunha tenda de discos de segunda man”, conta Marini, produtor, realizador e director de cine arxentino cunha forte vinculación con Valdeorras, explicando que rodarán en Ton y Son; en Café Teatro Bajo 5; nun 6º piso da rúa Marcelino Suárez; e en exteriores pola rúa Escura, polo Malecón, pola pasarela, pola estrada xeral,… o que a converterá nunha curta 100% barquense.

Para a rodaxe, que terá lugar do 8 ao 12 de abril, o director de cine contará co mesmo equipo do seu anterior traballo, Dragón Blanco (Black Fiction Producciones, produtora de Rodrigo Marini e David Santamaría) ao que se sumou Claqueta Blanca, a produtora de Gerardo de las Morenas. “Toda a parte de produción incorpórase nova e o equipo técnico (fotografía, cámaras, vestiario,…) é o mesmo”, explica Marini.

Do reparto formarán parte, xunto a Ballesta, actores como Veki Velilla, Cristina Mediero (Premio Lorca 2024 á mellor actriz de longametraxe en Granada), Roman Rymar, Antonio Meléndez, Álex Navarro, Álvaro Tejero, Nacho Serapio,… e o barquense José María Rodríguez que fará un cameo ademais de ser produtor asociado.

 

Artigos relacionados

Back to top button