Por ser un amigo, pola súa calidade humana, pola súa preocupación pola saúde dos seus veciños e veciñas de Trives,… “por esto e por moito máis” o doutor trivés Julio Ancochea Bermúdez é dende hoxe Fillo Predilecto do Concello da Pobra de Trives.
A concesión do recoñecemento era aprobado en Pleno hai uns meses, pero facíase efectivo no mediodía deste sábado 5 de acto, o día do aniversario do seu pai (xuiz e benquerido veciño de Trives), nun emotico acto celebrado no Auditorio Julio Vázaquez, un espazo que quedou pequeno para acoller a todas as persoas que quixeron arroupalo neste día tan importante, entre eles os membros do colectivo de médicos que el mesmo preside dende o ano 2016, Asomega; o conselleiro de Sanidade Julio García Comesaña; o presidente do Parlamento Galego, Santalices; e o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernandez, os tres médicos, entre outros moitos colegas, familiares, veciños, amigos,…
Nun escenario coidado ata o máis mínimo detalle, e cun frontal de rosas vermellas, a alcaldesa de Trives, Patricia Domínguez, era a encargada de abrir o acto, dando a benvida aos asistentes ao acto institucional, lembrando a frase de Cicerón: “Tal vez a gratitude non sexa a virtude máis importante, pero si a nai de todas as demais”. Destacou así a rexedora o carácter “agradecido dos triveses e trivesas con aqueles que engrandecen a súa terra”, como é o caso do xefe do Servizo de Neumoloxía do Hospital La Princesa (Madrid) que “leva toda a vida ensalzando as virtudes deste pobo e preocupándose polos seus veciños e veciñas”.
A rexedora intentou resumir a traxectoria profesional de Julio Ancochea, unha tarefa difícil xa que é estensísima, destacando a “súa enorme contribución por engrandecer o noso pobo” e asegurou que “dende hoxe o seu nome estará unido simbolicamente ao concello para sempre. Julio é para A Pobra de Trives unha enorme árbore de raíces profundas que se eleva ata o ceo e o fai respirar, como gran neumólogo”. Tamén quixo destacar a alcaldesa a preocupación que o médico mostrou polos veciños e veciñas deste pobo durante a pandemia.
“Os neumólogos somos poetas do aire”, di Ancochea, por iso foi un poeta, docente e amigo, o escritor Xosé Luna quen inerviña tamén no acto adicando unhas palabras ao homenaxeado, lembrando entre versos “que foi do seu avó de que aprendeu que o paciente é unha persoa, non unha enfermidade”, destacando asemade os valores do traballo en equipo que posúe o médico.
Para Julio Ancochea foi un día importante e así o demostrou ao dirixirse aos asistentes, emocionado ata o punto de ter que interrumpir o seu discurso en varias ocasións, asegurando ter recibido méritos e recoñecementos, pero ningún como este. “En ningún me sentín nin de lonxe tan honrado. Abrúmame e faime pensar se son digno desta distinción”, dixo, co son do piano en directo de fondo. O médico leva este concello no corazón e así o reflexou no seu discurso, recoñecendo que “volvo a Trives e volve ser un neno. Aquí inculcáronme uns valores e unha forma de entender a vida que é o meu maior tesoro, polo que espero ter sido capaz de aplicar estes principios nos meus fillos e na miña relación cos demais. Trives é orgullo de pertenza. Trives respira fondo, respira vida. Eu son trivés, militante, crente e practicante”, dixo con convicción.
No seu emotivo e evocador discurso non se esqueceu de ninguén, nomeando amigos da infancia e da xuventude, a veciños, a colegas,… cunha mención moi especial aos seus pais e sobre todo ao seu pai a quen adicaba o recoñecemento. “Meu pai foi un home bo e xeneroso, fiscal comarcal e trivés. Felicidades papá, sempre estarás no corazón e este é o meu agasallo para ti”, dixo entre bágoas. De seguido procedíase a proxección da vida do doutor en imaxes con mensaxes incluídas, entre elas as dos seus fillos que non puderon estar presentes no acto.
Finalmente Ancochea recibía a Medalla do Concello de Trives, a declaración institucional enmarcada, un poema de Xosé Luna e unha figura da Virxe da Dolorosa, rematando a homenaxe ao son das gaitas e o Himno Galego. Despois do acto institucional, os asistentes daban un paseo polo Trives de Julio ata o Centro de Santa Leonor onde compartían uns petiscos, antes do xantar no restaurante La Viuda, dentro da programación do encontro de verán da Asociación de Médicos Galegos (Asomega).
Fotos: Carlos G. Hervella.
Vídeos: Mónica G. Belvler.