SanidadeÚltima hora

Julio García: “A Xunta rematará neste ano o novo edificio de urxencias e PAC do Hospital de Verín”

O conselleiro de Sanidade visita a obra que permitirá aumentar nun 10% a superficie deste hospital

 

A Xunta “rematará neste ano o novo edificio de urxencias e PAC do Hospital de Verín, logo de investir preto de catro millóns de euros”. Así o sinalaba o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na visita que realizaba na mañá deste venres 4 de agosto á obra deste centro da rede do Sergas, que “permitirá aumentar nun 10% a súa superficie”. Na visita, Comesaña estivo acompañado do delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén, e do xerente da área sanitaria, Félix Rubial.

Serán uns novos espazos de 1.500 m2 divididos na área de urxencias e na área de PAC, e con salas de espera separadas para pacientes xerais, pacientes pediátricos e pacientes con sospeita de enfermidade contaxiosa. Espazos, ademais, con acceso propio en baixo andar e con zona diferenciada para estacionamento.

Tal e como explicou o conselleiro, en primeiro lugar “remataron as actuacións que correspondían á cuberta do edificio existente, que se impermeabilizou e na que se colocaron paneis fotovoltaicos que alimentarán tanto ao antigo como ao novo edificio”. Neste novo edificio, a estrutura e a cuberta están xa acabadas, e tamén a maior parte da carpintería exterior. “O que se está a executar agora son obras de distribución interna, illamentos e instalacións, quedando pendente a demolición da rampla das antigas urxencias e a habilitación nesa zona de prazas de aparcamento. Deste xeito, o hospital pasará das 167 prazas de aparcamento actuais a máis de 200”, sinalou Comesaña.

 

 

O máximo responsable do Sergas destacou que, nesta lexislatura, a Xunta “xa incorporou o novo TAC que se instalou o ano pasado; un novo equipo radiocirúrxico; un novo sistema de anestesia; dúas lámpadas cirúrxicas e seis estacións de quirófano; ademais de ecógrafos para os servizos de urxencias, radioloxía e xinecoloxía; e unha renovación do mobiliario que supuxo substituír 40 camas, mesiñas e cadeiras de brazos de acompañante. En total, case 900.000 euros investidos neste novo equipamento para o hospital”.

Na súa visita a Verín, Comesaña tamén subliñou que, neste ano, o hospital vai ter novos espazos e novos equipos, e, tamén, novos profesionais. “Este outono incorporaranse 20 novos especialistas con praza fixa, grazas á medida máis ambiciosa que aprobou o Executivo galego para incentivar o exercicio nos hospitais comarcais. Así, promoveuse unha Lei para ofrecer as prazas destes hospitais por concurso de méritos, sen necesidade de oposición. Esta iniciativa está a espertar o interese de moitos profesionais que queren acceder a unha praza fixa no Sergas, e agora poden conseguilo antes se veñen a Verín”. En consecuencia, este ano a Xunta “terá incorporados en Verín, como mínimo dous anos, a tres novos médicos de urxencias, xunto a catro novos traumatólogos, tres novos cirurxiáns; outros tres internistas, dous pediatras, e tamén especialistas en oftalmoloxía, reumatoloxía, análises clínicas, endocrinoloxía ou enfermaría de saúde mental”.

 

Artigos relacionados

Back to top button