CulturaCulturaÚltima hora

Julio Prada aborda no seu novo libro a “represión económica” na primeira etapa do franquismo

Este historiador e profesor no Campus de Ourense vén de publicar "The plundering of the vanquished. The economic repression during early francoism (O saqueo dos vencidos. A represión económica durante o primeiro franquismo)"

Julio Prada co seu novo libro./ Foto: Duvi.

 

A económica tamén foi unha forma de represión exercida durante a Guerra Civil española e na etapa de posguerra. Así o destaca no seu novo libro, Julio Prada, profesor titular de Historia Contemporánea da Facultade de Historia do Campus de Ourense. Neste volume, titulado The plundering of the vanquished. The economic repression during early francoism (O saqueo dos vencidos. A represión económica durante o primeiro franquismo), analiza este fenómeno represivo durante a primeira etapa do franquismo, estudando a súa evolución “desde algo desorganizado a un proceso articulado polo estado”.

Prada decidiu escribir este libro ao considerar que “faltaba unha obra que a nivel do estado recollese o tema da represión económica” no período histórico estudado. Así, a publicación (editada por Peter Lang) comeza cunha abordaxe da evolución historiográfica sobre esta cuestión, subliñando os factores que, ao entender de Prada, explicarían a menor atención dedicada pola historiografía a esta faceta represiva.

Entre estes factores apunta, ademais da atención primordial dedicada á represión física, a dispersión de fontes e a propia “incomodidade” que representaba para os poderes públicos e para unha parte importante da sociedade o feito de que un bo número de cidadáns se atoparan implicados nun proceso represivo que perseguía privar dos seus bens ou dunha parte do seu patrimonio a persoas que, en ocasións, nin sequera cometeran un delito desde a particular óptica dos sublevados. A decisión de publicar o libro en inglés, detalla o historiador, tomouse para contribuír a difundir unha visión histórica “fóra dos clixés típicos” cos que na súa opinión se aborda desde a historiografía anglosaxoa a temática tratada nesta publicación “feita desde Galicia para España e Europa”.

O punto de partida de Prada neste traballo foron “as investigacións que levamos feito en Galicia, estendendo o marco metodolóxico para o resto de España”. Froito do traballo realizado, engade o profesor da Universidade de Vigo, a análise feita arranca co que “foron incautacións de bens nos primeiros meses da Guerra Civil, sen ningún tipo de formalidade” e séguese todo o percorrido de “como iso vai derivando todo nun proceso moito máis articulado a través do que se chamaron as responsabilidades civís e as responsabilidades políticas a partir da lei de febreiro do ano 39”.

Así, na publicación plásmase a evolución desde as primeiras achegas “sen ningún tipo de coordinación” ata o “ríxido” proceso de centralización a partir da orde da xunta de defensa nacional que establece a subscrición nacional e, con posterioridade, das normas establecidas polo gobernador xeral.

Artigos relacionados

Back to top button