CulturaCulturaÚltima horaVídeos

Kukas expón no Barco os seus “Deseños para a escena”

A mostra do autor do cartel das Festas do Cristo 2024 poderá verse ata o 30 de setembro na Sala ABANCA

 

Dende hoxe e ata o vindeiro 30 de setembro poderá verse na Sala ABANCA (praza do Príncipe), no Barco de Valdeorras, unha exposición con algúns dos traballos de Kukas.

 

 

A inauguración tiña lugar na tarde deste xoves 12 de setembro, como antesala da Festas do Cristo, contando coa presenza da concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta e do propio artista que facía un percorrido pola sala, explicando aos presentes destalles dalgunhas das pezas expostas. Trátase dunha pequena escolma de debuxos, viñetas, carteis,… de creación propia e tamén para outras compañías que enchen de cor e fantasía as paredes da sala de exposicións.

 

 

Pintor, deseñador gráfico, ilustrador e fotógrafo artístico con exposicións individuais e colectivas ao longo de máis de 50 anos, Marcelino de Santiago Viqueira, Kukas, é tamén mestre artesán en escenografía e cartelismo, e tamén o autor do cartel deste ano das festas. Un cartel moi colorido e con “todos os ingredientes da festa do Barco no barco”, en palabras de Pizcueta no que aparecen representadas numerosas escenas e personaxes vencellados ao Barco e ás súas festas dentro dun gran barco que surca o Sil que tamén forma parte da exposición.

 

 

Tal como el mesmo explicou na inauguración, Kukas ten feito de todo e en grandes cantidades pero é a súa faceta como creador de monicreques a máis coñecida e ten vido ao Barco en varias ocasións formando tamén parte do programa das Festas do Cristo 2024. Estará uns días na vila onde ten “non moitos pero si moi bos amigos dende hai moitos anos e o luns 16 de setembro Kukas subirase ao escenario do Teatro Lauro Olmo xunto a Isabel Rey co seu espectáculo máis musical, Viva Vivaldi (1, 2, 3 e 4 estacións).

 

 

A exposición pode verse no seguinte horario: Os días 13, 20 e 27 de setembro, de 19 a 21 horas; e os días 14, 15, 16, 21, 22, 28 e 29 de setembro, de 12 a 14 e de 19 a 21 horas.

Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button