ConcellosEn portadaLaroucoÚltima hora

Larouco, escenario nun novo campo de voluntariado arqueolóxico e ambiental

Desenvolverase do 4 ao 15 de xullo en inclúe actuacións no Castrillón e no Castro Cabanelas

Imaxe dunha edición anterior do campo do voluntariado en Larouco./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Logo da excelente acollida dos anteriores veráns, Larouco acollerá do 4 ao 15 de xullo un novo campo de voluntariado medioambiental e arqueolóxico, que incluirá, entre outras actuacións, limpezas na zona das cabanas e nos seneiros do xacemento prerromano do Castrillón, así como outras intervencións na contorna como unha prospección intensiva do Castro Cabanelas; a colocación de caixas-niño novas e limpeza das xa instaladas; e unha limpeza da zona dos lagares rupestres que saían á luz o pasado ano.

Do campo, promovido pola Xunta e polo Concello de Larouco, ocuparase novamente Xeitura Coop. Gal. “Este ano ampliamos o radio de acción, imos desenvolver as actividades noutros lugares, ademais de no Castrillón, de novo faremos fincapé no apartado medioambiental. No relativo á arqueoloxía, contarase de novo cunha arqueóloga e os voluntarios colaborarán nalgunhas tarefas, pero non escavarán”, matizan dende Xeitura.

Ademais estas actividades, alternaranse con visitas a entornos como o Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra (Rubiá) ou ás Ermitas (O Bolo), entre outros lugares.

Este campo de voluntariado, con 15 prazas, está dirixido a mozos de entre 18 e 30 anos de idade. Este será un dos 11 campos de voluntariado que se desenvolverán este verán na provincia de Ourense, entre eles tamén están “Teatro do Bibei” en Viana do Bolo (do 4 ao 15 de xullo), “Recuperando o tempo esquecido” na Veiga (do 28 de agosto ao 8 de setembro) e “Destino de Vilariño” (do 28 de agosto ao 8 de setembro).

Con estas iniciativas preténdese fomentar o lecer educativo saudable e seguro das mozas e mozos durante a temporada estival e, á súa vez, amosar o respecto que o patrimonio e a natureza merece e precisa mentres se contribúe á súa conservación e mellora.

Máis información e solicitudes en http://xuventude.xunta.es/accion-de-veran/

Artigos relacionados

Back to top button