CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

‘Libros por Ucraína’, unha libraría solidaria no colexio Divina Pastora do Barco

Estará aberta no centro, pola mañá de 11 a 12:30 horas e pola tarde a partir das 17 horas e a recadación será donada a Cáritas para axudar á poboación ucraína

 

Nos momentos difíciles e nas adversidades é cando aflora a solidariedade, e ante o conflito bélico que está destruíndo Ucraína e a súa poboación, a resposta de Valdeorras está sendo máis que positiva. Cada un axuda no que pode e na medida das súas posibilidades e no colexio Divina Pastora do Barco estano facendo cunha libraría solidaria.

 

 

Tal como explica a coordinadora da iniciativa, Conchi Moure, ao longo do ano no centro van recollendo diferentes artigos como pilas, gomas de mascarillas para poder reciclar, gafas usadas e libros de segunda man. No caso dos libros, só no primeiro trimestre recolleron uns 400 en Secundaria e, malia que nun principio valoraron a posibilidade de facer unha solta de libros o 23 de abril coincidindo co Día do Libro, ante a tráxica situación que están a vivir en Ucraína a idea estaba clara: preparar un mercadiño-libraría solidario cuxa recadación será donada a Cáritas para axudar á poboación ucraína.

 

 

Así nacía ‘Libros por Ucraína’, a libraría que instalaron na entrada do colexio decorada e cos libros clasificados por seccións: infantil, xuvenil, adultos,… e tamén por xénero. Dela encárganse un grupo de voluntarias baixo a supervisión de Conchi Moure e a aportación é voluntaria. Comezaban na xornada deste mércores 23 de marzo e a libraría estará aberta polas mañás de 11 a 12:30 horas e polas tarde a partir das 17 horas.

 

 

“Abrimos ás once nerviosas e ilusionadas e pechamos ás seis cheas de felicidade e agradecemento cara todos os que colaboraron coas súas donacións logrado que hoxe chegásemos aos 800 euros”, din emocionadas dende o centro, puntualizando que hai xente que simplemente fai o donativo, xente que si merca libros e incluso venderon algún a Madrid por videoconferencia. “Encántame ver o emocionadas que están as nenas por ver o resultado, o solidarios que son todos. É unha iniciativa coa que paga a pena colaborar máxime ao ser unha idea dos propios alumnos”, di orgullosa a coordinadora.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button