OurenseÚltima hora

Luar Na Lubre comeza o ano cun concerto dobre no Teatro Principal de Ourense

Os días 14 e 15 de xaneiro presentará o seu novo traballo ‘Vieiras e vieiros, historias de peregrinos’

Luar na Lubre en concerto.

 

Luar na Lubre comeza a súa xira de concertos de 2022 cun concerto dobre no Teatro Principal de Ourense, os días 14 e 15 de xaneiro, en colaboración coa Deputación de Ourense, para presentar o seu novo traballo Vieiras e vieiros, historias de peregrinos, un álbume con historias e lendas dos peregrinos que percorreron os diferentes camiños que levaban a Santiago, así como as súas derivacións ata Fisterra e Muxía, nos confíns da terra.

O grupo internacional de folk en Galicia pon a banda sonora ao Camiño de Santiago, a través dos 27 temas que conforman este traballo, que combina as creacións propias, con sonoridades das sendas e lugares do itinerario xacobeo, coma o son dun temporal, os ríos, o vento, as aves rapaces, as campás en Cebreiros ou unha misa en Muxía.

As entradas para asistir a estes concertos, que comezan ás 20:30 horas, pódense adquirir no seguinte enlace: https://entradas.ataquilla.com/ventaentradas/es/otras-musicas/teatro-principal-de-ourense/13100–luar-na-lubre-vieras-e-vieiros-historias-de-peregrinos.html e no punto de venda do Teatro Principal de Ourense (calle da Paz, 9), unha hora antes do inicio da actuación.

 

O grupo está formado por Bieito Romero (gaitas, acordeón, zanfoña), Irma Macías (voz), Nuria Naya (violín), Patxi Bermúdez (bodhran, tambor), Pedro Valero (guitarra acústica), Xavier Ferreiro (percusión latina, efectos), Xan Cerqueiro (frautas) e Brais Maceiras (acordeón).

 

O novo disco con Miguel Ríos

Vieiras e vieiros, historias de peregrinos, o álbume número 19 da formación galega, conta coa colaboración especial do cantante Miguel Ríos, que interpreta a canción Benvido, que canta en galego, un tema para dar a benvida a todos os peregrinos.

O disco recolle ademais o tema Dum Pater familias, o canto máis antigo de peregrinos a Compostela, que aparece recollido no Códice Calixtino; e Martiros e o vákner recupera unha das lendas vinculadas ao final do Camiño de Santiago, nas terras de Muxía e Fisterra, que se inspira na viaxe que o bispo armenio Mártiros de Arzendjan realizou, no século XV, a Compostela.

Este traballo tamén recupera a lenda de Dugium, a cidade anegada, ao tempo que achega algunhas das sonoridades propias da ruta xacobea, como son os corvos da Ulloa ou as gaivotas do mar de Fisterra.

Este traballo inclúe un segundo disco que recompila algúns dos temas de Luar Na Lubre vinculados á ruta xacobea. “A nosa creación é moi propia e persoal, pero está moi relacionada coas músicas tradicionais e, especialmente, coa lírica galega medieval”, expón Bieito Romero. O segundo CD inclúe cantigas que Luar Na Lubre adaptou ao seu estilo ao longo da súa traxectoria e cancións coas colaboracións de Diana Navarro, Ismael Serrano, Pablo Milanés, Miro Casabella, Orquesta Sinfónica de Bratislava y Carlos Jean.

 

Artigos relacionados

Back to top button