En portadaÚltima horaVídeos

Luar Na Lubre embarca ao público nas Ermidas (O Bolo) nunha inesquescible e emotiva viaxe polos seus 40 anos de música

Esta banda de folk de prestixio internacional actuaba o 16 de xullo no adro do santuario bolés na xira do seu 40 aniversario, dentro dos "Concertos do Xacobeo"

 

Un concerto para desfrutar de principio a fin. Á beira do Santuario das Ermicas (O Bolo), Luar Na Lubre convidaba ao público a mergullarse nunha viaxe musical moi especial, lembrando a traxectoria desta banda de música folk de prestixio internacional, e tamén percorrendo boa parte da xeográfica máxica das músicas atlánticas. “Nós non facemos música tradicional galega, pero si nos inspiramos nas músicas tradicionais de Galicia, e nas músicas do Atlántico, e elas son as que nutren o noso repertorio”, lembraba Bieito Romero, fundador e músico do grupo, na tardiña do 16 de xullo ao inicio dunha actuación incluída na xira nacional “Lubre: 40 aniversario”, e incluida nos “Concertos do Xacobeo”.

 

 

E así se podía comprobarse ao longo dun espectacular concerto ante 420 persoas (o aforo completo do recinto) no que o grupo, facendo en todo momento partícipe ao público, realizaba un fermoso e animado repaso pola súa evolución musical, con temas referentes no seu repertorio, entre eles algúns dos seus inicios;  intercalados con cancións do seu recén estreado disco: “Lubre. Luar Na Lubre 40 aniversario”.

Esta viaxe, precedía dunha intervención do director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles; quen sinalaba que para a institución que representa “é unha honra colaborar e patrocinar este concerto e que fora tan ben recibido pola cidadanía e contar con este público tan marabilloso”.

 

 

A partir de aí saían ao escenario, situado sobre as escalinatas do adro do santuario, os membros do grupo: Bieito Romero (gaitas, acordeón, zanfona), Nuria Naya (violín), Patxi Bermúdez (bodhran, tambor), Pedro Valero (guitarra acústica), Xavier Ferreiro (percusión latina, efectos), Xan Cerqueiro (frautas), Brais Maceiras (acordeón), Cristina López (cantante) e Bieito Romero Diéguez (gaita), acompañados polo tamén gaiteiro ourensán Bieito Barrera. E, cun canto á auga, “Fonte do Araño” (de Emilio Cao) comeza a maxia deste “memorable concerto pola lugar e pola xente que nos acompaña”, dicía Romero, quen, combinándose con outros integrantes de Luar Na Lubre, ía dando paso ás diferentes pezas.

Seguía unha homenaxe a Federico García Lorca da man do “Madrigal para a cidade de Santiago” con “Chove en Santiago” e logo “Hai un paraíso”. A violinista Nuria Naya lembraba unha antiga cidade celta á que se lle daba voz en “Dugium”, pasando despois a dúas pezas enlazadas “Roa/Roi” e, seguindo con ritmo de vals, ao que xa ten convertido “nun himno para os galegos, que nace do tradicional e dunha vila mariñeira”: “Camariñas”. E esta enlazaba cunha divertida canción que facía bailar e cantar ao público: “Os animais”.

Tras esta animada peza, Bieito Romero presentaba varias propostas do seu novo disco, comezando pola titulada “Danzas”, que xungue dúas danzas “que soan a mazurcas”, unha da Fonsagrada e outra de Neaño, na Costa da Morte; e seguindo por “Nadal en Lubre”, cuxo título rende tributo á antiga palabra que dá nome ao grupo e que significa “bosque onde os celtas desenvolvían os seus rituais”.

O concerto proseguía a ritmo de muiñeira con “O Derradeiro” e con “Non te enamores meniña”, un canto da música tradicional, da lírica popular galega, “un tema moi delicado”, matizaba a violinista da banda. A viaxe continuaba honrando a “Maelok”, “conexión galaica cos britóns fuxidos dos agresivos anglos e saxóns”, lembraba Bieito Romero, enganchando sen parar con “O Queixo” e, deseguido, con “San Gonzalo”, tema adicado ao bispo dese nome de Mondoñeo que pregou para botar aos vikingos fóra e para que se afundiran as súas naves durante a invasión.

 

 

Despois viña unha melodía mítica do grupo e que namoraba a Mike Oldfield: “O son do ar”, xunto a “Canteixeire” a única peza en inglés do repertorio “The Sailors”, de forma encadeada, como broche final, e convidando aos asistentes a danzar á vez movendo os seus brazos. Entre aplausos, e berros que pedían “outra”, o gruo abandonaba o escenario. Pero, por pouco tempo, xa que a xente quería máis e regresaaban para botar, nos bises, outras “catro cuncas” musicais: “Danza dos Felos” (dedicado aos Felos do Entroido de Maceda e de Esgos), “Ao pasar pola Crunia”, “Nao” e a icónica “Tu Gitana”, co público coas laternas acendidas dos seus móbiles.

Así, Bieito Romero despedía, entre agradecementos á Xunta e a Turismo de Galicia polo seu apoio e a Ton y Son (para os que pedía un aplauso polo excelente traballo realizado durante un concerto que a piques estivo de suspenderse pola treboada caída ás 17:30h.), un intenso recital de máis de dúas horas de duración plagado de momentos emocionantes e animados de música, baile e historias.

 

 

“Con esta canción, “Tu Gitana”, queremos facer deste adro un pequeno “campo de estrelas” nesta noite memorable e bonita e queremos desexarvos o mellor. Foi un auténtico pracer desfrutar da vosa presenza e esperamos que desfrutarades da nosa música. Vémonos na vida! Moitas grazas!”.

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

 

Back to top button