CulturaCulturaÚltima hora

Lucía Pérez, protagonista da II Xornada de Convivencia Feminista en Río

 

O Concello de San Xoán de Río organizou o sábado 4 de maio a ‘II Xornada de Convivencia Feminista’, coa presenza da cantante Lucía Pérez. Ás 12:30h. tiña unha cita coa veciñanza no Salón de Plenos do Concello, coa participación dunhas 60 persoas. Ao seu carón tiña ao alcalde, Xosé Miguel Pérez Blecua, e á concelleira de Igualdade, Elena Enríquez.

Tras a presentación do alcalde, a concelleira Elena Enríquez preguntáballe sobre a súa vivencia en perspectiva feminina: como viviu de nova a igualdade na casa, se no seu camiño profesional tivo atrancos por ser muller, que opinión lle merecían as políticas actuais sobre igualdade, se lle gustaba o medio televisivo… E pouco a pouco fóronse sumando a preguntar outras veciñas presentes que se interesaron, entre outras cousas, sobre como levaba a súa parella a súa ateigada axenda, se nalgunha ocasión tivera que recorrer a terapia pola esixencia dos seus compromisos artísticos, que tal levaba o de ser xurado na TV, como lle cambiou a vida ir ao Festival de Eurovisión… E ata se falou do ‘machismo’ nas letras das cantigas populares. Nese punto lembraba o proxecto no que participara coa Roda, “A Roda da Igualdade”, na que facían algunhas ‘correccións ou apaños’ nas letras para quitarlle eses ‘machismos’ que aparecían antigamente nalgunhas cancións. E mesmo non faltou algunha que outra canción interpretada por Lucía Pérez.

E rematando a intervención lembrou con certa morriña momentos como foron o seu paso con 17 anos polo Festival de Viña del Mar de Chile, un dos máis prestixiosos de Latinoamérica, ou cando cantou o himno galego enteiro na Praza do Obradoiro. Estes momentos puidéronse ver no youtube grazas á pantalla coa que conta o Salón de Plenos do Concello de San Xoán de Río.

Rematado este encontro sobre a traxectoria vital e artística de Lucía Pérez,  as mulleres de San Xoán de Río déronlle como agasallo unha réplica dela feita a man con goma eva, así como unha caixa con cosméticos naturais da empresa local ‘Piel Natura’. A cantante agradeceu a invitación para participar, os agasallos recibidos e recoñeceu tamén que se sentira moi ben acollida e moi cómoda durante o acto.

 

 

A continuación, houbo un xantar no Pavillón Municipal, encontro que contou cunhas 70 persoas e tamén coa convidada, como non podía ser doutro xeito. Tras os cafés e os licores, comezaba a sonar a música de Rafa Aguiar (Radio Monforte) coa súa Disco Móbil, momento no que Lucía entrou outra vez en escena. Quixo ter un detalle coas mulleres e cantou algúns temas, un deles cun valor especial: “Que me quiten lo bailao”, peza que lle dedicou a Nieves, unha veciña de San Xoán de Río moi querida e moi activa que case nada a para aos seus 90 anos.

A concelleira de Igualdade, Elena Enríquez, amosouse moi satisfeita pola proximidade e humildade amosada por Lucía Pérez, así como pola gran participación das veciñas na actividade. “O éxito deste ano confirma que a idea que tivemos o pasado ano ten unha gran acollida e axuda á cohesión social e a fortalecer o feminismo”, dixo.

Pola súa banda, Xosé Miguel Pérez Blecua, o alcalde, comentaba que “estas actividades unen moito e serven para compartir momentos enriquecedores e únicos como son este tipo de encontros con xente pouco accesible que hai anos eran impensables no rural”.

A iniciativa desta actividade de convivencia feminista parte do Concello de San Xoán de Río e colaboran no desenvolvemento da mesma o Centro de Información á Muller da Pobra de Trives e o Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero.

Artigos relacionados

Back to top button