Unha lista formada por “homes e mulleres do concello con moitas ganas de traballar e facer cousas polo pobo na que a paridade é a norma xenérica”. Así define o candidato socialista ao Concello da Rúa, Luis Fernández Gudiña, o equipo co que o PsdeG-PSOE concorrerá ás eleccións municipais do 24 de maio.
A lista formada por 14 membros (8 homes e 6 mulleres) era presentada na tarde do 9 de abril, no autobus co que o partido socialista está percorrendo os diferentes municipios de toda España.
Con Luis Fernández á cabeza, a candidatura dos socialistas presenta un 30% de renovación. “Algúns xa tivemos a responsabilidade de gobernar, o que aporta un grao de experiencia e ademais a incorporación de xente nova danos a vitalidade que nos fai falta para emprender con garantías e esperemos que con éxito, as eleccións” explica o número 1. No número 2 repite Ana Fernández Vizcaya e no 3, Carlos Aristegui Diéguez; Verónica sube un posto e vai de número 4, mentres que Francisco García Álvarez irá de 5; Rita Lorenzo Barrio e José Rodríguez Gómez, dúas novas incorporacións ocupan os postos 6 e 7 respectivamente; completando a lista Cristina Fernández Santás, Clemente Macías Fernández, Adelaida Álvarez Díaz e Elio Rodríguez Taín (nova incorporación). Como suplentes están Juan Crespo Pérez, Luisa López Fernández e José Manuel Cebeu Rodríguez (novo).
Na presentación da lista, Fernández Gudiña tamén avanzou as liñas que seguirá o seu programa electoral que apostará “por un Concello participativo, aberto á cidadanía. Tamén queremos que sexa un Concello transparente que esté rexido por tres principios que consideramos básicos: o de igualdade de oportunidades, capacidade e de mérito”.
Con respecto ás actuacións, o candidato o partido socialista aposta pola “humanización dos espazos de convivencia de tódolos veciños, por exemplo o acondicinamento das rúas Progreso e Campogrande, entre outras e actuacións nos núcleos cercanos como o acceso a Roblido, Somoza e Fontei” dixo, adiantando outros proxectos que levarán a cabo de acceder á alcaldía como retomar a rehabilitación de vivendas; políticas sociais; potenciación da cultura e o deporte; así como prestar especial atención á mocidade; sen esquecer outros asuntos de interese como o Centro de Saúde ou o enlace da N-120.
Fotos: Carlos G. Hervella