En portadaÚltima horaVídeos

Luis Menor: “Os temas e problemáticas de Valdeorras van ter unha axenda propia na Deputación de Ourense”

Destacábao o presidente provincial este martes na súa primeira visita á comarca para inaugurar a nova delegación da Deputación na Casa Grande de Viloira, un acto no que tamén participaban o delegado da Xunta, os deputados valdeorreses e os alcaldes da comarca

 

A Casa Grande de Viloira (O Barco) xa acolle a nova delegación provisional da Deputación de Ourense en Valdeorras. Algo posible pola cesión temporal de parte destas instalacións da Xunta ao ente provincial para que emprace neste edificio unha sede provisional que atenda as demandas dos cidadás da comarca de Valdeorras.

Esta mañá procedíase á súa posta en servizo nun acto que contaba coa asistencia do presidente deste organismo provincial, Luis Menor, así como coa do delegado provincial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e coa dos alcaldes de Valdeorras, e da deputada especial para Valdeorras, a alcaldesa de Carballeda, María Carmen González.

 

 

Luis Menor destacaba a colaboración e apoio da Xunta de Galicia para poder facer posible a apertura desta sede, algo que lle permitía materializar un anuncio que facía na súa toma de posesión como presidente da Deputación, a mediados de xullo. “Dous meses despois esta sede é unha realidade física e xurídica con todos os requisitos legais e dispoñemos dun espazo propio que nos vai permitir visibilizar a presenza da Deputación na comarca”.

Ademais lembraba que tamén no seu discurso de investidura, no que explicaba as liñas mestras do seu mandato tamén explicaba que “se lle ía dar un tratamento específico a Valdeorras, unha comarca que está alonxada da capital e cunhas malas comunicacións. Por iso pretendemos achegar a Deputación a ela e nunca vai estar afastada dos programas, dos servizos e dos proxectos da Deputación. Valdeorras posúe valores e singularidades, como son o seu potencial económico e demográfico, e queremos dar unha boa resposta e áxil aos seus problemas. Ademais o feito de ter un lugar físico onde poder reunirnos, dialogar e actuar vai facilitar iso, con reunións con alcaldes e con outras entidades”.

 

O presidente da Deputación, Luis Menor, coa deputada valdeorresa e alcaldesa de Carballeda, María Carmen González.

 

Entre esas problemáticas da comarca citaba o estado das súas vías de comunicación “e todos debemos loitar polas súas melloras dende unha perspectiva de consenso e unidade, esa reivindicación non debe ter siglas, todos debemos apoiala”. Menor referíase máis concretamente ao proxecto da autovía A-76, “que segue estando unicamente nos papeis”, á mellora da N-120 e da OU-533, “que tamén nos achega ao AVE”. Mencionaba asemade que se “a Deputación está traballando no tema da estrada a San Vicente de Leira (Vilamartín) e estamos nunha fase de reformulación técnica para darlle solución. Esperamos poder avanzar algo pronto”.

Así mesmo comentaba a importancia de mellorar as infraestruturas ferroviarias tanto no seu mantemento como nun maior número de trens e frecuencias.

 

 

Ademais Luis Menor destacaba a aposta da Deputación por mellorar a cooperación cos concellos, “que é unha esencia da propia institución, pero tamén un compromiso deste presidente porque como alcalde que tamén son coñezo as deficiencias e necesidades dos concellos”. Concluía agradecendo o apoio da Xunta para abrir esta delegación provisional e dicíndolles aos alcaldes que “estamos para escoitarvos e para ver as vosas necesidades”, ademais de anunciar visitas periódicas á comarca.

Pola súa banda, o delegado territorial subliñou a fluída colaboración entre a Xunta e a Deputación e sinalou aos valdeorreses como os “verdadeiramente beneficiados desta cooperación, pois nas mesmas instalacións comparecen os servizos de dúas entidades con prestacións próximas ás necesidades dos habitantes e residentes da contorna”; destacou Gabriel Alén.

“Este é o camiño que debemos percorrer a diario”, manifestou o delegado territorial, “unha administración cada vez máis próxima á cidadanía é unha teima irrenunciable da Xunta de Galicia”; recalcou. Deste xeito, “mantemos e reforzamos a liña de mellora dos servizos administrativos da Administración autonómica nunha comarca estratéxica como é Valdeorras e ao mesmo tempo estamos a preservar un dos edificios senlleiros da provincia e de Galicia vinculado á historia desta contorna, ás súas xentes e á súa cultura”; sentenciou.

 

 

 

Tras este acto, celebrábase na mesma delegación unha asemblea do Consorcio de Augas de Valdeorras.

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button