
O presidente da Deputación de Ourense e líder provincial do Partido Popular; Luis Menor, realiza unha positiva valoración do proxecto de orzamentos da Xunta de Galicia para 2027, poñendo en valor “a estabilidade e o rigor do Executivo galego ao presentar este proxecto, unha vez máis en tempo e forma, por décimo oitavo ano consecutivo”.
Luis Menor destaca que o “eixo fundamental” destes orzamentos é dar resposta ás prioridades reais da sociedade, subliñando o enorme peso das políticas de benestar, celebrando o feito de que “tres de cada catro euros son para ou sector social”, á vez que se impulsan importantes “rebaixas fiscais para familias, empresas e o acceso á vivenda”.
En clave territorial, o presidente sinala que Ourense é a provincia que máis recursos recibe por habitante (6.040 € por persoa), subliñando que o traballo do Goberno galego tradúcese en realidades moi claras, tanto na capital como no resto da provincia. Así, en Sanidade e Política Social, Ourense seguirá “en primeira liña grazas ao forte esforzo investidor destinado a continuar as obras e equipamento do Complexo Hospitalario de Ourense (CHUO), así como á mellora de hospitais comarcais e centros de saúde”.
No ámbito dos coidados, Menor puxo en valor a futura posta en marcha en Ourense da nova residencia de maiores financiada pola Fundación Amancio Ortega e “o gran volume de recursos” (58 M€) destinados aos bonos de dependencia.
En política de vivenda, o presidente asegurou que “só podemos falar de realidades”, destacando “o gran impulso á construción de vivenda pública, a creación de chan residencial e as axudas para a rehabilitación no rural”. En materia de mobilidade, engadiu, “a Xunta cumpre os seus compromisos con infraestruturas vitais” como a rolda este ou o novo acceso ao CHUO.
Luis Menor lembrou a constante reivindicación de máis chan industrial para captar novas empresas e xerar máis emprego, polo que aplaude o impulso que recibirán os grandes parques empresariais da provincia, comezando polos 9,7 M€ destiados á ampliación do polígono de San Cibrao.
Ademais de valorar “o firme compromiso educativo que permitirá a construción de novos centros de ensino, como os 11 millóns do futuro instituto de Pereiro de Aguiar”, tamén se referiu ás actuacións recollidas nos orzamentos “para recuperar a zonas castigadas polos incendios forestais, celebrando o incremento de fondos para a prevención e defensa contra vos incendios forestais e para recuperar os espazos naturais destruídos”.
Tamén resaltou a necesidade de facer un uso máis eficiente dos recursos hídricos mediante importantes melloras no saneamento e a depuración.
Finalmente, Luis Menor quixo destacar “a excelente sintonía institucional”, lembrando que a institución provincial que el preside “é a máis colaboración mantén coa Xunta de Galicia”, o que se traduce en “proxectos conxuntos estratéxicos para o territorio plasmados na proposta de orzamentos para 2027”.