Eleccións municipais 2023PolíticaÚltima hora

Luís Seara: “Temos un proxecto transformador para mellorar a vida das persoas e dar paso a un Ourense verde, creativo e feminista”

O candidato do BNG á alcaldía da cidade das Burgas estaba acompañado esta tarde no mitin pola voceira nacional do BNG

 

O candidato do BNG á alcaldía de Ourense, Luís Seara aseguraba nun mitin celebrado no pavillón dos Remedios, e no que estaba acompañado pola voceira nacional da formación, que a situación deste concello é de “emerxencia política e social, e por iso o 28 de maio é un día transcendental porque temos que escoller entre a corrupción política que leva tanto tempo instalada neste concello ou a rexeneración política que representa o BNG”.

Seara resaltaba que o BNG “ten un proxecto transformador, non nos limitamos ser meros xestores, senón a transformar a realidade para mellorar a calidade de vida das persoas, como facemos alí onde temos responsabilidades de goberno, un proxecto que, ademais, vai devolverlle a autoestima ás veciñas e veciños e permitiralles recuperar o orgullo perdido en todos estes anos. O noso proxecto transformador sobre tres alicerces: Ourense verde, Ourense creativo e Ourense feminista”.

Pola súa banda, a portavoz nacional, Ana Pontón, arrancaba o mitin de Ourense falando da “dexeneración democrática que supón o caciquismo 2.0 do PP” e indicando que o vindeiro 28 de maio “hai que encher as urnas de papeletas BNG, hai que votar masivamente a Luís Seara, porque con ese voto masivo ao BNG imos facer demitir a Baltar nas urnas, imos poñer fin ao disparate deste desgoberno municipal e imos abrir un tempo novo para devolverlle á cidadanía de Ourense un concello coa dignidade que se merece”.

 

 

Pontón demandou unha mobilización masiva para poñer fin ao “esperpento” no que se ten convertido o concello. “O voto ao BNG ten o poder de acabar co escándalo democrático dun PP que usa as institucións como se fosen a súa finca particular; de devolverlle a dignidade a Ourense abrindo un tempo novo liderado por Luís Seara, cun proxecto solvente, serio, democrático e de futuro para esta cidade, iso é o que supón encher as urnas de papeletas BNG”, destacou.

Advertiu que “haberá alianza con Jácome se Baltar o precisa, aínda a costa de volver sacrificar á cidade catro anos máis”, por iso, pediu que “ningunha persoa que quere un cambio real quede na casa, a alternativa é votar, encher as urnas coa papeleta BNG, porque todas as persoas que levan Ourense na cabeza e no corazón, que lles doe ver o que o PP está facendo coa súa cidade, teñen no BNG e en Seara a súa opción de futuro”.

Pontón destacou que Seara é o alcalde que Ourense necesita para “deixar atrás a páxina máis triste da súa historia recente e mirar o futuro con confianza; para abrir as portas do Concello de par en par, “e deixar entrar a luz do proxecto do BNG, serio, solvente, en positivo, a favor da cidade e da súa veciñanza. Luís Seara é o alcalde capaz de emprender unha auténtica rexeneración democrática e devolverlle o Concello ao seus verdadeiros donos: os veciños e as veciñas. Queremos gobernar para transformar Ourense na gran cidade que pode ser, o cambio real, transformador, en positivo virá da man do BNG e de Luís Seara”, recalcou.

 

Artigos relacionados

Back to top button