ConcellosO BarcoÚltima hora

M. Carmen Núñez, pregoeira do Nadal no Barco: “O belén é a expresión de paz e de amor”

Esta profesora do CEIP Julio Gurriarán e belenista de Rubiá abría coa súa intervención a "Festa de benvida do Nadal" nesta parroquia

 

Esta tarde vivíase un ambiente moi especial na igrexa de Santa Rita no Barco. Tras a misa das seis neste templo, engalanado para a ocasión, dábase paso á “Festa da Benvida do Nadal”, que incluía o pregón que anuncia esta celebración e que, desta volta, corría a cargo de María Carmen Núñez, profesora do CEIP Julio Gurriarán do Barco e belenista de Rubiá, que era presentada polo párroco, Jesús Álvarez.

“É moi especial para min poder falar do Nadal e do belenismo xa que o belén significa, máis que outras cousas o Nadal”, unha festa “que xa temos no horizonte”, dicía agradecida a pregoeira. Nadal, engadía, “é tempo de tradicións, e é importante que non se perdan”. Ademais remontábase a súa nenez para lembrar como para ela esta celebración comezaba “coa montaxe do pequeno belén da igrexa de Rubiá”, era tamén unha época de “cantos, de aguinaldos, de reunirse coa familia en Noiteboa, de agardar a visita dos Reis Magos, tempo de xenerosidade e de solidariedade”.

A continuación, María Carmen Núñez destacaba que “poñer o belén na casa é como abrir as portas a Xesús e dicirlle que entre”. E confesaba que, como belenista e responsable do nacemento da igrexa parroquial de Rubiá, “síntome ditosa de representar de maneira plástica e artística o nacemento de Cristo durante máis de vinte anos”, unha tarefa que “aúna enxeño e arte”.

 

María Carmen Núñez, durante a lectura do pregón do Nadal na igrexa de Santa Rita do Barco.

 

Así mesmo explicaba que, “cando un belenista pensa en recrear escenas para un nacemento, encontra un acougo especial nunha época de prisas e de agobios. O belén é unha expresión de paz e de amor”.

Tras o seu discurso, María Carmen recibía un agarimoso aplauso do público e tamén un agasallo do párroco, Jesús Álvarez, que lle facía entrega dun belén moi especial.

Deseguido, a festa daba paso áo festival de panxoliñas coa participación dos coros de Rubiá, Santa Rita e San Mauro, dun grupo de nenos de Cataquese e da comunidade educativa do Colexio Divina Pastora do Barco.

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button