En portadaÚltima hora

As Macizas Centrais, nos II Cantos de Taberna da Festa do Botelo

Seis grupos actuarán mañá, sábado 21 de xaneiro, a partires das sete da tarde polos locais de hostalaría do Barco
As Macizas Centrais da Pobra de Trives nos Cantos de Taberna de Quiroga. /Foto: Carlos G. Hervella.

Un día exacto. É o que falta para que se celebre a XVII edición da Festa do Botelo do Barco, unha cita lúdica en torno ao emblema gastronómico da vila.

O programa  abrirase pola mañá coa apertura da Mostra de Produtos Gastronómicos na praza Andrés de Prada con 14 postos nos que se venderán botelos, mel, marmeladas, etc. (feira estará aberta toda a fin de semana); e ás 12:30h. terá lugar o pregón no Teatro Lauro Olmo. O acto inclúe a actuación do Orfeón Valdeorrés, o pregón propiamente dito a cargo do actor Carlos Blanco e o debuxante Luís Davila, e a mención de honra a Obdulia Fidalgo Real  “Lula a pulpeira”.

O xantar do botelo comezará a partires das dúas e media da tarde no pavillón de Calabagueiros no que unhas 1.300 persoas degustarán uns 755 quilos de botelo, 350 de verdura e 500 quilos de patacas. Todo elo regado cunhas 600 botellas de viño mencía da adega Roandi (Éntoma). Ao mesmo tempo nos restaurantes da vila poderase degustar o botelo cos prezos que marque cada establecemento.

A festa do botelo continuará pola tarde coa emisión en directo do programa da TVG “Aquí Galicia” dende a Praza Andrés de Prada e a segunda edición dos Cantos de Taberna. Seis grupos musicais tocarán en 12 locais do casco urbano da vila barquense dende as sete da tarde e estarán presentes tamén durante o xantar no pavillón.

O grupos participantes son: Macizas Centrais (Pobra de Trives), Pándega (Valdeorras), Centro Galicia (Ponferrada), Os Palletas (Quiroga), Píngalle o moco (A Pobra do Brollón) e Corenta e cinco boys (A Pobra de Brollón)  que tocarán de xeito itinerante polo Agarimo, San Mauro, Pizzería O Barco, O Buraco, Veira Sil, Al Natural, Bar 13/14, A Pampa, A Cova, Divino Paseo, La Fábrica e Vinum.

Máis información no seguinte enlace: https://osil.info/especiales/as-macizas-centrais-nos-ii-cantos-de-taberna-da-festa-do-botelo/

Artigos relacionados

Back to top button