OurenseÚltima hora

Magosto popular para celebrar o San Martiño, este venres na Alameda

O Concello de Ourense prepara unha tonelada de castañas para repartir a partires das 18 horas
Cartaz do Magosto 2016, obra de Néstor Domínguez.
Cartaz do Magosto 2016, obra de Néstor Domínguez.

O Magosto é segundo o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, “unha das celebracións, xunto ao Entroido, que máis nos singularizan como pobo, e que nos chama a reunirnos con amigos e familiares para degustar os produtos típicos de tempada pero por enriba de todo, para desfrutar da amizade, da convivencia, do pracer de pasar o noso tempo libre coas persoas ás que máis queremos”.

E todo iso poderá facerse este venres, 11 de novembro na Alameda a partires das 17 horas, no magosto popular preparado polo Concello de Ourense no que se degustarán mil quilos de castañas, 2.000 racións de pan con chourizo -tamén para celíacos-, 1.000 botellas de auga e viño novo.

A actividade, que era presentada na mañá do 7 de novembro no salón de plenos do Concello de Ourense, “quere combinar o lecer de todas as idades”, en palabras da concelleira de Cultura, Belén Iglesias, por iso o programa comezará ás 17 horas co acendido da fogueira e ás 17:30 horas comezaranse a vender as entradas (1 euro) ao tempo que os máis pequenos poderán participar  nos obradoiros infantís.

A música correrá da man das Daniñas de A Ponte, que irán animando o público desde as rúas do casco vello e do centro da cidade ata a hora do reparto da comida, ás 18 horas. Xa en plena Alameda, o grupo De Pé Feito amenizará a sesión con música tradicional desde o templete.

Artigos relacionados

Back to top button