ConcellosQuirogaÚltima hora

Máis de 120.000 euros para intervencións turísticas no municipio de Quiroga

A primeira delas, que comezará de maneira inmediata, levarase a cabo na zona de Vilañán, segundo adianta o alcalde

O alcalde de Quiroga, Julio Álvarez.

 

“Son dúas importantes intervencións dende o punto de vista turístico”. Deste xeito cualificaba o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, as obras aprobadas na reunión da xunta de goberno local desta mañá. A primeira delas, que comezará de maneira inmediata, levarase a cabo na zona de Vilañán, a outra, que tardará un pouco máis en empezar, será no núcleo dos Novaes.

En Vilañán vaise arranxar a pista de acceso ao despegue de parapente e a zona de despegue, recoñecida polos aficionados a este deporte como das mellores polas súas térmicas. A Axencia de Turismo de Galicia aportará 36.000 € para as intervencións que consistirán en traballos de motoniveladora, realización de cunetas e pasos de auga e na colocación de grava compactada na pista que une Vilañán co despegue de parapente e co miradoiro. Na zona de despegue realizaranse labores de roza, fresado e semente de especies herbáceas nunha zona duns 400 m 2..

 Ademais desta obra, estase a espera, segundo confirma o rexedor quirogués, de que se comunique o inicio do arranxo do Miradoiro de Vilañán, que conta cunha achega de 15.000 € tamén da Axencia de Turismo de Galicia. A intervención no miradoiro complementará o traballo iniciado polos veciños deste núcleo.

En canto aos Novaes, daráselle un tratamento rústico adoquinado ao tramo do Camiño de Inverno que atravesa este núcleo. O plan HURBE da Dirección Xeral de Urbanismo aportará 70.000 € para mellorar esta rúa.

“O Camiño de Inverno ao seu paso por Quiroga está acollendo importantes melloras dende o pasado ano por parte da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, que inviste máis de 200.000 € na mellora da sinalización e no acondicionamento dos treitos que se atopaban en mal estado. Pero estas melloras non inclúen ao camiño dentro dos núcleos de poboación polo que esta nova inversión forma parte dun convenio coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda”, segundo informa o Concello.

Co acondicionamento da pista do despegue de parapente, do miradoiro de Vilañán e da rúa dos Novais son máis de 120.000 € os que inviste o Concello de Quiroga de cara ao turismo do municipio e do Xeoparque Montañas do Courel.

Artigos relacionados

Back to top button