ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Máis de 25.000 persoas participaron na renovada Feira do Lázaro de Verín

Máis de 3.000 acudiron a visitar o Claustro da Mercé e 7.000 as feiras do Libro e da Artesanía na fin de semana do 8 e 9 de abril

O Lázaro 2017, reformulado e relanzado dende o Concello de Verín remataba na tarde do domingo 9 de abril, cun “éxito de participación”. Así o aseguraban tanto o alcalde, Gerardo Seoane, coma o tenente de alcalde, Diego Lourenzo, que valoraron “con satisfacción o grao de participación nos numerosos eventos da fin de semana, cunha numerosísima participación especialmente o domingo, tanto nos culturais coma nos gastronómicos e promocionais”. Segundo as primeiras estimacións, máis de 25.000 persoas participaron nalgunha das actividades do Lázaro durante a fin de semana.

A falta dos datos pechados da asociación gremial, tanto o sábado coma o domingo foron xornadas “excelentes” segundo a hostalaría local. “O sábado foi bo, pero o domingo acabamos cos menús do Lázaro, cousa que nunca nos pasara”, comentan dende un local do casco vello.

Do mesmo xeito, a combinación de actividades na praza da Mercé e no Pavillón, a especialización no sector agrogandeiro e as súas innovacións (Feira do Libro, Feira de Artesanía e apertura do Museo Comarcal), tamén tiveron un magnífico funcionamento, con máis de 10.000 visitas cada unha. Así, segundo os primeiros datos recabados polas empresas de seguridade, unha media de 5.000 persoas acudiron á mostra Agro + Verín no pavillón cada xornada, para contemplar as exposicións e mostras de productos alí concentradas.

O tenente de alcalde, Diego Lourenzo destaca que “a multitudinaria participación nas actividades culturais, gastronómicas e deportivas e o enorme grao de aceptación que reflictan as enquisas oficiais realizadas aos participantes nas feiras, non fai máis que confirmar o éxito da reformulación do Lázaro iniciada polo grupo de goberno”. Polo que respecta ás actividades deportivas, na mañá do domingo máis de 1.500 persoas abarrotaron en todo momento a praza García Barbón, entre acompañantes e participantes das diversas carreiras.

Artigos relacionados

Back to top button