DeportesÚltima hora

Máis de 250 ciclistas participarán na X edición da Parroira-Bike ‘A Clásica’

A proba celebrarase o domingo 23 de outubro cun percorrido de 42 quilómetros por A Merca e concellos limítrofes

Presentación da X Parroira-Bike.

 

Creada no ano 2018 trala escisión da asociación ciclista Endoureiros, a asociación deportiva Ovala2 (A Merca) leva organizados varios eventos. No 2019 daban continuidade á Parroira, un referente na participación de bikers dende a primeira edición no ano 2010, co Parroira-Trail; no 2020-2021, en plena pandemia, puxeron en marcha os Roteiros Parroira Covid Strava (iniciativa pola que foron galardoados nos Premios Runmaniak de Ourense como mellor iniciativa en plena época do Covid); e neste 2022 retoman a Parroira-Bike ‘A Clásica’.

A Merca prepárase así para acoller o domingo 23 de outubro a décima edición desta proba que espera contar cunha participación de máis de 250 ciclistas e un percorrido de 42 quilómetros por camiños da Merca e concellos limítrofes.

A presentación tiña lugar onte na Deputación de Ourense coa presencia do vicepresidente primeiro, Rosendo Fernández; o xefe do servizo de Deportes da Xunta en Ourense, Manuel Pérez; o concelleiro de Deportes de A Merca, José Manuel Taín; e o secretario e o vogal da Asociación Deportiva Ovala2, José Ribo e Alberto Taín.

 

Roteiros Parroira Covid Strava a vista de paxaro.

 

Rosendo Fernández valorou a consolidación dunha proba que aglutina “deporte e natureza”, converténdose nun “referente deportivo e unha excelente oportunidade para promocionar o noso patrimonio natural”. O vicepresidente primeiro reivindicou a aposta da Deputación polo ciclismo, “unha ferramenta dinamizadora vital para o noso territorio”.

Dende a organización da proba, Alberto Taín e José Ribo sinalaron coma a gran peculiaridade desta edición aproveitar as dúas rutas de sendeirismo da Merca -Broa e Mezquita-, uníndoas no trazado da proba “para dar a coñecer o noso patrimonio”, ofrecendo unha Parroira-Bike de dificultade “media-alta pero accesible a todos os afeccionados”.

Pola súa banda, Manuel Pérez felicitou a todo o equipo da Parroira-Bike por unha “proba consolidada, referente e que demostra a importancia da cooperación entre administracións”. Unhas felicitacións ás que se sumou o concelleiro José Manuel Taín, que agradeceu a organización dunha proba “que axuda a seguir poñendo A Merca no mapa, dando a coñecer o fermoso patrimonio material e inmaterial deste concello”.

 

 

Percorrido da décima edición da Parroira Bike

A proba, con saída -prevista para as 9 horas do domingo 23 de outubro- e chegada no polideportivo da Merca, suma un percorrido de 42 quilómetros e un acumulado de 1.450 metros positivos, cunha dificultade media alta, pasando polos sendeiros e camiños reais dos montes de A Merca, Proente, Rubillós, A Mezquita, Entrambosríos, Olás, A Rebola, A Parroira, Ponte Ermida, Covas e polos concellos da Bola e Allariz.

Como novidade, dende a organización da proba explican que nesta décima edición da Parroira Bike unifícanse os dous lados (norte e sur) nos que o río Arnoia separa o concello da Merca: os dous trazados das rutas de sendeirismo da Broa (sur) e da Mezquita (norte) son enlazados para a práctica do ciclismo de montaña, facendo paso polos lugares mais turísticos da Merca: A igrexa da San Pedro da Mezquita, o Canle do Ruca e un dos conxuntos históricos-artísticos de canastros máis grandes e mellor conservados de toda a Península Ibérica.

 

Artigos relacionados

Back to top button