En portadaÚltima hora

Máis de 40 comercios locais participarán na campaña de Nadal do Concello “Eu merco na Rúa”

Luis F. Gudiña e María G. Albert na presentación da campaña do Concello da Rúa.

 

Na aposta pola produción KM0 e un modo de consumo “moito máis sustentábel e que dinamice a vida na nosa vila”, o Concello da Rúa lanza a campaña colaborativa “Eu merco na Rúa”. Así o explicaba a alcaldesa María G. Albert na mañá deste xoves 30 de novembro na presentación que realizaba xunto ao concelleiro do equipo de Goberno, Luis Fernández Gudiña.

A campaña estenderase do 1 de decembro ao 5 de xaneiro, e dende o Concello sacarán unha liña gráfica de cartelería e tamén audiovisual para redes sociais, “para dinamizar o comercio como pode o ente local, a través da propaganda e da colaboración económica nun formato moi estendido como son os premios polo consumo no comercio local”, dixo a alcaldesa.

 

 

 

Segundo as bases de participación na campaña “todo o consumo que se realize nos comercios adheridos será premiado con vales de participación (cada 15 euros), nos que a xente poderá introducir os seus datos de contacto. Tralo período de Nadal sortearemos 20 vales de 50 euros entre todos os participantes, tamén para investir no comercio local”, explicou Albert, adiantando que o sorteo será no Salón de Plenos do Concello o 10 de xaneiro.

 

 

A rexedora adiantou que se trata dunha primeira campaña “de moitas formas de colaboración que temos que establecer co noso comercio ao que fáltalle, ao meu modo de ver, asociacionismo”, dixo, destacando que son máis de 40 os comercios que van participar “o que demostra que hai máis do que parece a simple vista e parécenos que o Nadal é unha época interesante para presentar unha campaña como esta”. Algo que corroborou Luis asegurando que se trata “dunha campaña tipo, un primeiro paso para levar a cabo moitas máis”.

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button