SanidadeÚltima hora

Máis de 80 millóns de euros de investimento na ampliación e mellora do Hospital de Ourense

 

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, informou no Parlamento de Galicia, das tres grandes actuacións que levará a cabo a Xunta no Hospital Universitario de Ourense remarcando que, todas elas, xa foron adxudicadas.

En concreto, abundou García Comesaña, a mediados do presente ano xa comezaron as obras do novo edificio de hospitalización, unha actuación cuxa segunda fase levará aparellada tamén a reforma integral do edificio materno-infantil. Estas actuacións contan cun investimento de 48,2 millóns de euros e, a Axencia Galega de Infraestruturas ten previsto montar a guindastre neste mesmo mes, tras completar a escavación que se precisa para o novo edificio de doce plantas.

En segundo lugar, a Xunta tamén comezará este mesmo mes a construción da nova Unidade de Medicina Nuclear, unha obra cuxo contrato ascende até os 2,8 millóns de euros e co que se conseguirá triplicar o espazo deste servizo. Ademais tamén vai permitir acoller un equipo PET, que se instalará por primeira vez na área sanitaria de Ourense.

A terceira grande actuación no CHUO, durante a presente lexislatura, será a reforma da Unidade de Críticos (UCI), adxudicada o pasado mes de marzo, e cuxa redacción de proxecto xa foi entregada pola empresa. Sobre a mesma, ampliou o conselleiro “os técnicos do Sergas están a supervisar agora o proxecto de execución para iniciar as obras antes de rematar o presente ano”. Estes traballos, representarán un investimento de 8,2 millóns de euros, e permitirán aumentar nun 30% o número de camas.

Durante a súa intervención, García Comesaña lembrou que “queda pendente unha cuarta obra, a que reformará as áreas de Cardioloxía e Radioloxía intervencionistas”. Así, detallou que os 2’7 millóns precisos para a súa licitación, xa se atopan incorporados no proxecto de Orzamentos do vindeiro ano 2023.

En termos globais, as obras do Hospital Universitario de Ourense acadan os 62 millóns de euros, segundo precisou o conselleiro de Sanidade, ao tempo que salientou a súa intención de “pechar o deseño deste hospital antes de rematar esta lexislatura, cos futuros edificios ambulatorio e administrativo”.

 

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, durante a intervención no Parlamento.

 

Renovación e ampliación de equipamento

A mellora das infraestruturas sanitarias tamén leva aparellada a renovación e ampliación do seu equipamento. Estas melloras tecnolóxicas -que superan os 19 millóns de euros-, fan ascender o investimento total no CHUO, nesta lexislatura, até os 80 millóns de euros. Nomeadamente, desde hai máis de un ano, o Hospital de Ourense conta con un dos sete equipos de cirurxía robótica adquiridos pola Xunta, e cuxo valor ascende até os 2,9 millóns cada un. Así mesmo, arestora estase a iniciar o proceso de renovación de equipamento a través dos fondos Next Generation. Neste senso, a Xunta canalizou un total de 13 millóns de euros para renovar e dotar de novo equipamento ao centro hospitalario ourensá.

Por unha banda, estanse renovar e actualizará algúns dos equipos cos que xa contaba o centro. Entre eles, destacan a renovación de 2 aceleradores lineais, 2 gamma-cámaras, un equipo de radioloxía vascular, un equipo de hemodinámica, ou 4 novos equipos TC (un deles, por primeira vez, con tecnoloxía espectral).

O Executivo galego tamén está a empregar estes fondos para dotar á área de Ourense con equipos cos que até o de agora non contaba. Neste apartado, destaca o novo equipo PET-TC, que evitará que os ourensáns se teñan que desprazar ata Vigo para realizar estas probas (adxudicado por 1,5 M€); ou o novo equipo de neurorradioloxía vascular intervencionista (adxudicado por 1,2 M€), que permitirá que o Hospital de Ourense conte cunha unidade completa de ictus.

Máis alá da cirurxía robótica e da alta tecnoloxía, o Hospital universitario de Ourense está a experimentar renovacións importantes de equipamento noutros dous ámbitos. En primeiro lugar, no eido da imaxe médica, onde xa están instalados no hospital 9 novos ecógrafos, que supuxeron un investimento de máis de 900.000€.

E, en segundo, no ámbito dos bloques cirúrxicos. Nesta área, incorporáronse o pasado ano cinco novos bloques cirúrxicos (un específico para o servizo de cirurxía vascular), e renováronse 20 lámpadas cirúrxicas e 23 novas mesas cirúrxicas, coas que se achegan prestacións avanzadas para neurocirurxía, cirurxía vascular, cirurxía dixestiva ou traumatoloxía.

Ademais, en canto á licitación de sistemas de anestesia, iniciado en setembro, contémplase a renovación de 6 equipos no hospital de Ourense, por un valor de máis de 300.000 euros.

 

Artigos relacionados

Back to top button