OurenseÚltima hora

Máis dun millar de intervencións en 2023 e 5 novos voluntarios para Protección Civil de Barbadás

 

 

O servizo municipal de Protección Civil de Barbadás realizou, ao longo do 2023, máis dun millar de intervencións. En concreto, atenderon 177 situacións de emerxencia como incendios, accidentes de tráfico e rescates; un total de 339 servizos urxentes como entradas forzadas ou busca de desaparecidos; 417 non urxentes como a retirada de vexetación, asolagamentos, ou recollida de animais e 119 operativos programados e relativos a apoio de tráfico, eventos culturais e deportivos ou festas patronais.

O servizo de Protección Civil reforzouse coa incorporación de 5 novos voluntarios que realizaron a súa formación básica. En total, as horas de formación do persoal durante todo o ano ascendeu a 850.

Por áreas, no relativo á de forestal, estivo activa a brigada de prevención e extinción de incendios e dous condutores de camión autobomba durante os meses do verán, que acudiron a un total de cinco incendios dentro do distrito XII e fixeron labores de prevención de incendios mediante roza manual nun total de 8 hectáreas. O tractor rozadora actuou nun total de 24 hectáreas e tamén en actuacións en materia de prevención.

 

 

No apartado de disciplina medioambiental, localizáronse cinco puntos de vertedura de entullos sobre os que se actuou procedendo á súa retirada segundo a normativa vixente. Sobre os leitos fluviais fixéronse intervencións de retirada de vexetación arbórea con risco de caída, limpeza de residuos sólidos urbanos e eliminación de especies invasoras en coordinación coa Confederación Hidrográfica. En canto ao control de pragas, a maiores das actuacións rutinarias programadas, fixéronse 10 actuacións de urxencia para control de roedores, formigas e outros insectos en puntos concretos con alta incidencia.

En coordinación coa tenencia de alcaldía, o programa CER de colonias felinas recibiu impulso coa incorporación de novas colaboradoras que se encargan da xestión das colonias, e conseguise un local que se está a preparar para que as femias esterilizadas podan pasar o período de curación antes de ser retornadas.

Artigos relacionados

Back to top button